Ir o contido principal

O proxecto Granxafamiliar.com gaña clientes e intensifica as súas posibilidades de comercialización de produtos agrarios

La Moncloa, cliente dunha familia do Courel produtora de marmelada

O proxecto Granxafamiliar.com, xurdido dunha investigación do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio do Idega da USC, continúa a sumar e consolidar clientes. Así, a familia Casa da Fonte, que produce marmeladas artesáns con froitos recollidos directamente dos bosques do Courel, acaba de incluír entre a súa clientela a familia do presidente do Goberno español. Os contactos foron realizados nun evento organizado pola Federación de Mulleres Rurais FADEMUR o pasado mes de outubro.
Con esta iniciativa ábrense interesantes posibilidades de comercialización de produtos agrarios por parte das familias produtoras e refórzase un dos obxectivos fundamentais do proxecto Granxafamiliar como é o contacto e a comercialización dos produtos agrarios galegos directamente entre as familias produtoras do medio rural e as residentes nas cidades de dentro e fóra de Galicia.
Granxafamiliar.comO proxecto Granxafamiliar.com nace a partir dunha investigación levada a cabo en Galicia e Irlanda entre 2003 e 2006 financiada pola Fundación Feiraco. O grupo da USC centrouse na análise socioeconómica, cultural e tecnolóxica das familias agrarias produtoras das cooperativas Feiraco e Drinagh. Entre outros asuntos púidose cuantificar a dimensión da produción agraria familiar destinada ao autoconsumo e parcialmente comercializada por canais informais, que en Galicia poden chegar a representar unhas rendas potenciais duns 12.000-16.000 euros promedio por familia, sendo os produtos moi diversos: carnes de vacún e porco, aves diversas como capón, pavo ou faisán, froitas do ‘país’ incluídos froitos secos como castañas ou noces, hortalizas variadas e produtos elaborados como queixos ou mel.
O proxecto diríxese ás familias agrarias produtoras de Galicia que tradicionalmente practicaron o policultivo e a multifuncionalidade rural, que no pasado destinaban a súa produción basicamente ao autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de introducir no mercado dita produción. Polo lado da demanda, diríxese a calquera comprador que se sinta atraído polos prezos, a calidade dos produtos e por unha nova forma de comercio que establece canais directos entre o medio rural e urbano.
Granxafamiliar é un proxecto de I+D+i da Universidade de Santiago apoiado economicamente pola Fundación Feiraco, Caixa Galicia, Concellos de Lalín, Brión e Antas de Ulla, ademais de Cáritas-Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.12.2009.