Ir o contido principal

O proxecto Innovatia 8.3 representará a España nos Premios europeos á promoción empresarial 2022

Foto de familia do equipo de Innovatia 8.3
Foto de familia do equipo de Innovatia 8.3
Esta iniciativa da USC e do Instituto das Mulleres foi elixida na categoría de mellora da contorna empresarial
Santiago de Compostela

O proxecto da USC e do Instituto das Mulleres Innovatia 8.3, cuxo principal obxectivo consiste en introducir a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e na creación de empresas, acaba de ser elixida para representar a España nos Premios europeos á promoción empresarial 2022. A iniciativa foi seleccionada na categoría de mellora da contorna empresarial.   

Dende a Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, subliñan que estes premios son “unha plataforma idónea para mostrar exemplos de organizacións que apoian o emprendemento, as boas prácticas e promoven a colaboración público-privada, especialmente nun contexto tan incerto como o que actualmente estamos a vivir”.

Innovatia 8.3 constitúe unha iniciativa innovadora para promover a participación igualitaria das mulleres no ámbito científico e investigador. O seu obxectivo é introducir a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia do coñecemento xerados nas institucións e centros de investigación ao mercado e o impulso do emprendemento coa creación de empresas de base tecnolóxica lideradas por mulleres.

Dende o ano 2011, USC e Instituto das Mulleres realizan, en virtude deste programa, accións formativas, de asesoramento, divulgación e promoción do emprendemento feminino no ámbito científico, apoiando as mulleres tanto no desenvolvemento do seu proxecto empresarial como na súa consolidación a través de actividades de networking e foros de investimento.

Nestes máis de dez anos de traxectoria asesoráronse directamente, polo persoal de INNOVATIA 8.3, a máis de 150 emprendedoras e indirectamente, as Universidades e Centros de Investigación asociadas a este programa impulsaron iniciativas emprendedoras promovidas por mulleres.

Un xurado europeo seleccionado pola Comisión Europea reunirase para deliberar sobre as candidaturas e elaborará unha lista de candidatos pre-seleccionados. O resultado das súas deliberacións coñecerase no mes de outubro. Os gañadores anunciaranse durante a Asemblea anual de PEME en Praga, República Checa, no mes de novembro de 2022.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2022.