Ir o contido principal

O proxecto de investigación 'As vítimas, os nomes e as voces' contabiliza preto de 11.000 vítimas da represión franquista

A cifra verase incrementada co baleirado de máis fontes documentais

10.991 vítimas da represión franquista en Galicia; e delas, 3.588 mortos. O dato presentárono esta mañá no Museo do Pobo Galego o catedrático de Historia Contemporánea e Investigador principal do proxecto interuniversitario ‘As vítimas, os nomes e as voces’, Lourenzo Fernández; a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; e o director de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará.
Segundo adiantaron, estes son unicamente os primeiros datos do informe de progreso do Proxecto de Investigación. A cifra, actualizada ata hoxe, verase incrementada co baleirado doutras fontes e co aumento das entrevistas.
Para sistematizar a información que se obtivo sobre as vítimas contabilizadas da represión franquista, tanto mortos como encadeados ou xulgados, construíuse unha base de datos que recolle os nomes e reflicte a traxectoria dos afectados e que estará a disposición do público antes de finalizar o ano.
Froito dun convenio de colaboración entre as tres universidades galegas e a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, o proxecto ‘As vítimas, os nomes e as voces’ ten como obxectivo a constitución dun espazo de investigación e documentación para o estudo histórico da represión acaecida en Galicia na guerra civil e na ditadura franquista.
Desde abril de 2006 un equipo de investigadores traballa coas fontes primarias documentais que poidan aportar datos sobre aqueles anos e, ao tempo, realiza entrevistas (son xa máis de 300) a persoas que sufriron a represión directamente ou aos seus familiares máis achegados.
Xunto co baleirado de fontes documentais e a realización de entrevistas, o proxecto de investigación está a rescatar lugares da memoria oculta para así achegar un coñecemento exhaustivo de todos os lugares nos que se sufriu a represión en Galicia. Isto concretarase no cartografado da represión que inclúa a distribución espacial e nunha análise dos lugares que se converteron en escenarios máis relevantes da represión.
Os responsables da investigación son Andrés Domínguez Almansa, Emilio F. Grandio Seoane, Gustavo Hervella García, Antonio Miguez Macho, Xosé M. Núñez Seixas, Xurxo Pantaleón Cadilla, Dionisio Pereira, Julio Prada Rodríguez, Mónica Rocha Novoa, Antonio Somoza Cayado e Mª Jesús Souto Blanco. Chus Martínez Domínguez é responsable do web www.anodamemoria.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2008.