O proxecto Life-Opere expón os seus resultados na súa xornada final este mércores
O proxecto Life-Opere sobre xestión enerxética desenvolverá este mércores 29 a súa xornada de peche, na que dará a coñecer os resultados de catro anos de traballo e concretamente dun proxecto de xestión enerxética levado a cabo no edificio Monte da Condesa da USC.
Opere, que dirixe o profesor da USC Juan Arias Rodríguez, xurdiu coa intención de implantar sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas, tanto térmicas como eléctricas, en complexos existentes con grandes consumos para así diminuír o seu impacto medioambiental. Na xornada do mércores, sobre estratexias de renovación e eficiencia enerxética no sector público, mostraranse actuacións singulares desenvolvidas por distintas administracións públicas para a renovación das súas instalacións, a redución dos seus consumos enerxéticos e custes, así como a promoción da sustentabilidade económica, política e ambiental.
A xornada pretende esclarecer cales son as tecnoloxías existentes que permiten obter unha maior eficiencia en instalacións enerxéticas, como incorporalas no ámbito das administracións públicas e como mellorar a renovación e eficiencia enerxética a través do modelo de contrato de rendementos enerxéticos con garantía de aforros e a compra conxunta de consumos enerxéticos.
Así, a partir das 9.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Matemáticas daranse cita representantes de universidades, administracións públicas, infraestruturas enerxéticas, departamentos de xestión económica e enerxética, axencias, xestores económicos e enerxéticos de grandes infraestruturas, empresas e persoal investigador e técnico. Quen desexe asistir debe completar o impreso de inscrición.