Ir o contido principal

O proxecto MicroMundo-SWI presenta esta tarde os seus resultados

Trátase dunha iniciativa Aprendizaxe-Servizo enmarcada nun proxecto colaborativo a nivel mundial

En 2012 nacía na Universidade de Yale Small World Initiative (SWI) coa fin de achegar a cultura científica e a investigación biomédica a novos estudantes para fomentar a vocación investigadora. Emprega unha estratexia de ‘crowdsourcing’ dirixida ao descubrimento de novos antibióticos, o que implica a externalización de tarefas que en lugar de ser subcontratadas quedan a cargo dun grupo numeroso de persoas voluntarias ou dunha comunidade.

O proxecto chegou a España en 2016 e en 2017 ponse por primeira vez en práctica na USC baixo o nome MicroMundo-SWI e a responsabilidade dos docentes da USC Trinidad de Miguel Bouzas, Sandra Sánchez Poza e Carlos Rodríguez Osorio. A comunidade participante no SWI da USC está constituída por centros de ensino secundario da nosa contorna e na súa titorización participan alumnos da materia Microbioloxía I do grao en Farmacia. Tratan de descubrir novos microorganismos a partir de mostras de solo seleccionadas por eles mesmos, así como avaliar o seu potencial para a produción de novos antibióticos.

MicroMundo/SWI@USC presentará os seus resultados esta tarde, ás 16.30 horas no Salón Nobre de Fonseca, nun acto de clausura que preside a vicerreitora Celia Besteiro. Nel intervirán María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e membro do proxecto da WHO/IUATDL “Global project on Anti Tuberculosis Drug Resistance Surveillance’, cunha charla sobre a resistencia aos antobióticos e Balázs Libisch, do Centro Nacional húngaro de Investigación e Innovación en Agricultura, e Lubomír Janda, do Instituto checo de Investigación Veterinaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.04.2019.