Ir o contido principal

O proxecto Migra_Miño-Minho, no que participa a USC, finalista nos premios ‘Rede Natura 2000’ da Comisión Europea

O proxecto Migra_Miño-Minho pretende mellorar as condicións do hábitat fluvial
O proxecto Migra_Miño-Minho pretende mellorar as condicións do hábitat fluvial
Esta iniciativa une esforzos para protexer e conservar as poboacións de peixes migradores na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Santiago de Compostela

Migra_Miño-Minho, o proxecto no que participa a USC e que pretende mellorar a protección e a xestión sustentable do espazo natural da fronteira que conforma a subconca internacional do río Miño, foi elixido finalista nos premios europeos da Rede Natura 2000 dentro da categoría de ‘Cooperación Transfronteiriza’. O proxecto Migra_Miño-Minho pretende mellorar as condicións do hábitat fluvial e desenvolver medidas que melloren o estado de conservación das poboacións de peixes migradores presentes nel.

“A concesión desta distinción supoñería un xeito inmellorable de pechar este traballo iniciado no ano 2017”, explicaron os responsables deste proxecto que contou con fondos FEDER para a súa realización. Coordinado pola Xunta de Galicia e liderado na USC po Fernando Cobo e o seu equipo de investigación no Laboratorio de Hidrobioloxía, en Migra_Miño-Minho, participaron varias institucións, administracións e persoal investigador de Galicia e Portugal que uniron esforzos para protexer e conservar as poboacións de peixes migradores na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. “Este galardón daría visibilidade ao traballo conxunto realizado e divulgaría a importancia da Rede Natura 2000 para a protección da biodiversidade en Europa, así como a súa contribución á conservación da natureza a escala mundial”, explicaron.

Un xurado de persoas expertas seleccionará un gañador de cada categoría e o ditame darase a coñecer en maio, nunha cerimonia que se celebrará en Bruxelas. Ademais, do conxunto de todos os finalistas, o proxecto con máis votos populares recibirá o ‘Premio dos cidadáns’. Ata o vindeiro 27 de abril, pódese votar polo proxecto ‘Protecting migratory fish in Spain and Portugal’ nesta ligazón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2022.