Ir o contido principal

O proxecto Nutriage presenta nun congreso os seus resultados preliminares sobre avellentamento saudable a través da nutrición no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A USC colabora co Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) na organización este martes 26 do I Congreso Nutriage
Lugo, Santiago de Compostela

A USC colabora co Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) na organización este martes 26 do I Congreso Nutriage, para dar a coñecer os resultados preliminares das actividades iniciais do proxecto Nutriage. Con esta denominación, o proxecto sobre ‘Solucións avanzadas para un envellecemento saudable a través da nutrición no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’ pretende xerar solucións avanzadas para mellorar a calidade de vida das persoas maiores na eurorrexión.

O proxecto ten como obxectivo asegurar un envellecemento saudable a través da avaliación, estudo e deseño de estratexias nutricionais fundamentadas sobre a alimentación tradicional atlántica e o desenvolvemento de novos produtos alimenticios que optimicen o estado nutricional das persoas maiores e preveñan o seu declive funcional e cognitivo.

Pretende así mesmo xerar capacidades en I+D+i ao redor do eixo envellecemento-nutrición-saúde que favorezan a mellora da calidade de vida das persoas maiores a partir da nutrición, reforcen a sustentabilidade e eficiencia do sistema socio-sanitario e incentiven o crecemento e a identificación de novas oportunidades de negocio para a industria agroalimentaria. Nutriage está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Programa
O congreso, que se desenvolverá o martes 26 en horario de 9.00 a 14.45 horas no Hospital Clínico Universitario de Santiago, contará coa intervención dos diferentes socios do proxecto. Ademais, o acto contará coas intervencións de Ildefonso de Cámpaa, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia; María Dolores Ruiz, catedrática de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Granada e secretaria da FINUT (Fundación Iberoamericana de Nutrición); e Anxo Gil, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Granada e Presidente da FINUT (Fundación Iberoamericana de Nutrición).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.