Un proxecto no que participan investigadores do ILG da USC acada a axuda da Fundación BBVA
O investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC Xulio Sousa participa nun dos únicos cinco proxectos que, dos 253 presentados, acadaron apoio na primeira edición de Axudas Fundación BBVA a Proxectos de Investigación en Humanidades dixitais. Coordinado pola investigadora do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC Pilar García Mouton, o traballo desenvólvese en colaboración con investigadores de universidades e centros de investigación de España, Portugal e Canadá. O proxecto está vinculado co de ‘Edición e elaboración dos materiais galegos do ALPI (Atlas Lingüístico de la Península Ibérica)’ que, baixo a dirección do profesor Xulio Sousa e o financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, se desenvolve no ILG da USC desde 2011 co propósito de pór á disposición da comunidade científica os materiais do ALPI, un proxecto de xeografía lingüística iniciado a comezos do século pasado e aínda inconcluso. A comisión avaliadora das propostas destacou o interese do Atlas Lingüístico Interactivo de la Península Ibérica por supoñer un avance substancial na renovación dos estudos de xeografía lingüística e por contribuír destacadamente ao coñecemento da variación dialectal de todas as linguas románicas peninsulares.