Ir o contido principal

O proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia que coordina o Instituto da Lingua Galega reúnese na Universidade do Porto

Un grupo de investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC participa esta semana na Universidade do Porto nun encontro do proxecto transfronteirizo Patrimonio léxico da Gallaecia, integrado á súa vez no macroproxecto europeo GEOARPAD para o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Á xuntanza asiste persoal investigador do Centro de Lingüística da Universidade do Porto e do Centro de Estudos em Letras da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, institucións parceiras do proxecto coordinado dende o ILG.

Patrimonio léxico da Gallaecia nace do interese por estudar a variación lingüística no territorio antigamente identificado como Gallaecia, que se considera espazo constitutivo do dominio lingüístico galego-portugués. O propósito principal é documentar e analizar a variación léxica nesta área nos campos léxicos asociados coa cultura patrimonial.

No encontro mostraranse algúns dos avances realizados polos distintos equipos ao longo deste ano. Así, o equipo galego presenta unha nova aplicación de uso interno que permite vincular as distintas palabras existentes para un concepto tanto en galego como en portugués, ademais do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional desenvolvido dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. No blog do programa, que pretende promover a documentación e análise do léxico patrimonial entre o alumnado de secundaria, poden consultarse os materiais de traballo e os resultados obtidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2018.