Ir o contido principal

Un proxecto pioneiro en Europa pon as matemáticas máis avanzadas a disposición das pequenas e medianas empresas

A proposta é unha estratexia colaborativa que aproveita a experiencia dos centros de investigación e as grandes compañías. FOTO: Santi Alvite
A proposta é unha estratexia colaborativa que aproveita a experiencia dos centros de investigación e as grandes compañías. FOTO: Santi Alvite
A USC participa na posta en funcionamento dun portelo único, pioneiro en Europa, que pon os equipos de investigación matemática máis punteiros de España a disposición das necesidades da industria e as empresas
Santiago de Compostela

A Facultade de Matemáticas da USC e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMaga) participan na posta en funcionamento do HUB MSO-ED da Plataforma Española de Tecnoloxías da Modelización, Simulación e Optimización nun Entorno Dixital (PET MSO-ED). Esta iniciativa funcionará como un mostrador de innovación, pioneiro en Europa, que pon os equipos de investigación matemática máis punteiros de España a disposición da industria e das súas necesidades específicas. A proposta é unha estratexia colaborativa que aproveita a experiencia dos centros de investigación e as grandes compañías, ata un total de 38 institucións nacionais expertos, 18 do ámbito privado e vinte centros de coñecemento de todo Estado.

Como explica a presidenta da Plataforma e promotora do ‘hub’, a catedrática de Matemática Aplicada da USC Peregrina Quintela, trátase dunha iniciativa “especialmente útil para Pemes, ao permitirlle innovar sen necesidade de dispor de persoal propio de investigación. Temos a ambición de que deste xeito poidamos contribuír a desenvolver un tecido industrial eficiente, seguro, sustentable, resiliente e competitivo”. Esta proposta permitirá “poñer no mesmo taboleiro de xogo a empresas e a xeradores de coñecemento, para que exista unha transferencia bidireccional real e útil que conecte todo o tecido produtivo coa academia”.

Mellora de procesos, optimización, loxística, identificación de incidencias en procesos físicos, aforro de enerxía... son algúns dos exemplos de temas sobre os que realizar consultas neste ‘hub’ que actuará como un portelo único, que evitará ter que buscar a institución que pode achegar unha proposta de resolución. Nun só punto ofreceranse as solucións máis adecuadas baseadas en tecnoloxías matemáticas de vangarda, como o ‘machine’ ou o ‘deep learning’, a estatística, a simulación, a modelización ou o ‘big data’, entre outras moitas.

Para a atención das consultas recibidas, no ‘hub’ atópanse incluídos universidades e centros de investigación a propia USC, a Politécnica de Cartaxena, Universitat de Valéncia, Basque Center for Applied Mathematics e o CITMaga, entre outros. Tamén figuran centros tecnolóxicos como AIMEN ou o Centro de Supercomputación de Galicia; e empresas como AIS Group e AnySolution. Coordinando todo dende a oficina técnica da Plataforma, estará a Rede Española Matemática-Industria (math-in).

“Dependendo do grao de madurez do uso destas tecnoloxías que xa estea facendo a entidade que realiza a consulta, ou ben é acompañada na fase de diagnose tentando identificar se é posible axudar e en que temáticas ou, para as xa usuarias, pasar á fase de diagnóstico”, sinala Quintela. Entre unha e dúas semanas despois da solicitude, a entidade demandante poderá ter unha reunión con especialistas dos ámbitos matemáticos máis adecuados. “Non so achegamos solucións, senón tamén contemplar distintos formatos nos que esa solución se pode levar a cabo” para buscar unha mellor adecuación ás peculiaridades de cada institución solicitante.

A profesora Peregrina Quintela, no centro da imaxe, é presidenta da Plataforma e promotora do ‘hub’
A profesora Peregrina Quintela, no centro da imaxe, é presidenta da Plataforma e promotora do ‘hub’
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2022.