O proxecto SOLA presenta as súas conclusións en Santiago de Compostela
O Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) que lidera a USC desenvolve esta semana en Santiago unhas xornadas que porán o broche final a dous anos de traballo para fortalecer as capacidades das universidades na aceleración e consolidación de empresas innovadoras.
A xuntanza do comité directivo final dará comezo este mércores 10 no Edificio Emprendia (Campus Vida) cunha presentación pública dos resultados, na que se fará un repaso aos principais logros e darase a coñecer o itinerario formativo deseñado de maneira conxunta polas oito universidades de América Latina e Europa que forman parte de SOLA.
O reitor Juan Viaño será o encargado de inaugurar ás 10.00 horas a xornada, na que tamén participarán o alcalde da cidade, Martiño Noriega; as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e Innovación da USC, Almudena Hospido e Isabel Rodríguez-Moldes, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois. O adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos, presentará nese acto as conclusións do proxecto.
Formación e clausura O xoves 11 dedicarase por completo á formación, con catro módulos simultáneos do itinerario formativo de SOLA nos que se abordarán temas clave para o desenvolvemento de spin-offs e startups universitarias e aos que se pode asistir de balde previa inscrición. Os contidos, materiais didácticos e ferramentas de cada módulo estarán dispoñibles para a súa consulta e descarga en aberto nesta web unha vez rematadas as xornadas.
Finalmente, os representantes das universidades e institucións que forman parte de SOLA se reunirán o venres para clausurar o proxecto e avanzar na implementación dos seus módulos nos seus respectivos países.
Oito universidades
SOLA está co financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e xunto coa USC forman parte do consorcio as Universidades Autónoma de Madrid, do Porto (Portugal), della Calabria (Italia), de Antioquia e a EAFIT (Colombia) e as brasileiras de São Paulo e Estadual de Campinas. Interveñen tamén a consultora europea Devalar, a rede universitaria RedEmprendiae e a Fundação de Desenvolvimento da Unicamp (FUNCAMP).