Ir o contido principal

O proxecto Radonbrain explorará o influxo da exposición a radon residencial nos tumores cerebrais

O estudo segue unha metodoloxía de casos e controis, pola que se colocará un detector de radon nas vivendas de persoas con estas enfermidades e outro nas vivendas de persoas que non as teñan, para comparar a concentración de radon no domicilio. FOTO: Santi Alvite
O estudo segue unha metodoloxía de casos e controis, pola que se colocará un detector de radon nas vivendas de persoas con estas enfermidades e outro nas vivendas de persoas que non as teñan, para comparar a concentración de radon no domicilio. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC Alberto Ruano coordina esta investigación que acaba de recibir financiamento do Instituto de Saúde Carlos III
Santiago de Compostela

‘Exposición a radon residencial e risco de tumores cerebrais. Un estudo multicéntrico de base hospitalaria de casos e controis’ (Radonbrain) constitúe un estudo pioneiro no seu ámbito, pois profunda nos tumores cerebrais, un tipo de patoloxía “de causas fundamentalmente descoñecidas”, tal e como explica o catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano, coordinador do proxecto. Radonbrain acaba de recibir financiamento do Instituto de Saúde Carlos III e xestionarase a través do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), no que tamén participa a USC.

Estes tumores son un grupo heteroxéneo de patoloxías, entre os que destacan os gliomas e os meninxiomas, pola súa frecuencia. “Aínda que se sabe pouco acerca das súas causas, describiuse que a exposición previa a radiación ionizante aumenta o risco destas enfermidades”, puntualiza o profesor Ruano. A radiación ionizante clasifícase en radiación de orixe natural e artificial, sendo a exposición a radon no domicilio a máis relevante xa que representa arredor do 50% de toda a radiación ionizante que recibe un ser humano ao longo da súa vida. Con todo, ningún estudo previo ten medido a exposición a radon residencial no domicilio e a súa relación con estes tumores.

Un estudo preliminar realizado en Galicia e no que tamén participa o profesor Ruano achegou indicios da posible existencia desta asociación ao observarse maior mortalidade por tumores cerebrais naqueles municipios galegos con maior concentración de radon residencial, tanto en homes como en mulleres. Esta investigación pretende confirmar, ou non, esta asociación a través dun deseño epidemiolóxico mellorado.

Metodoloxía

O estudo segue unha metodoloxía de casos e controis, pola que se colocará un detector de radon nas vivendas de persoas con estas enfermidades e outro nas vivendas de persoas que non as teñan, para comparar a concentración de radon no domicilio. Segundo afirma Alberto Ruano, “estudos desta natureza foron os que permitiron coñecer a relación causal entre a exposición a radon e o risco de cancro de pulmón, e empregarase aquí esta mesma metodoloxía”.

Afortunadamente, a frecuencia (incidencia) destes tumores é baixa na poboación xeral, polo que no estudo participarán polo menos oito hospitais de tres Comunidades Autónomas (Galicia, Castela e León e a Comunidade de Madrid) e espérase a incorporación dun hospital do Porto (Portugal). O estudo é interdisciplinario e nel colaborarán especialistas en oncoloxía, neuroloxía, neurocirurxía, epidemioloxía e estatística. Os obxectivos non se circunscriben exclusivamente a coñecer o efecto do radon, senón que tamén se analizarán outros potenciais factores de risco, como a ocupación, consumo de tabaco, infeccións previas, consumo de alcol e a radiación ionizante procedente de probas de imaxe médica.

Alberto Ruano é catedrático de Saúde Pública e Medicina Preventiva da USC. FOTO: Santi Alvite
Alberto Ruano é catedrático de Saúde Pública e Medicina Preventiva da USC. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2023.