Ir o contido principal

O proxecto Revalgae recollerá algas invasoras na área atlántica para transformalas en novos compostos bioactivos

O consorcio ten como obxectivo restaurar os ecosistemas mariños e a biodiversidade. FOTO: Santi Alvite
O consorcio ten como obxectivo restaurar os ecosistemas mariños e a biodiversidade. FOTO: Santi Alvite
Liderada polo grupo de investigación Farmatox da Facultade de Veterinaria da USC, a investigación conta cun financiamento superior aos dous millóns de euros
Lugo

Revalgae abordará o desafío das algas invasoras e as plantas tolerantes ao sal que afectan as costas da área atlántica mediante a integración de estratexias de restauración de ecosistemas costeiros, recolección sostible, bioeconomía azul e economía circular. Liderado polo grupo de investigación Farmatox da Facultade de Veterinaria da USC no Campus de Lugo, o proxecto conta cun financiamento superior aos dous millóns de euros ao abeiro do programa Interreg Atlantic Area 2021-2027. O obxectivo fundamental do consorcio consiste en efectuar a recolección desas especies invasoras para despois transformalas en novos compostos bioactivos, de tal xeito que o que hoxe supón un problema acabe por converterse nunha oportunidade a través da valorización das devanditas especies.

A área atlántica enfróntase a un “grave problema” causado pola propagación de algas invasoras e plantas tolerantes ao sal, explica Luis Miguel Botana, catedrático do departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC. “Estas especies alteran a biodiversidade mariña, afectan a pesca e socavan o equilibrio dos ecosistemas locais”, engade. A miúdo, predominan sobre as especies nativas, transformando os hábitats e alterando as redes tróficas naturais. O cambio climático intensifica a propagación destas especies, principalmente a través do aumento da temperatura do mar e a alteración das correntes. Só o 27,5 % das especies e o 16,86 % dos hábitats propios da área atlántica presentan condicións favorables de conservación, o que “implica a necesidade de tomar medidas”.

Valorización da biomasa

Algas invasoras como Sargassum muticum, Undaria pinnatifida, Codium fragile, Asparagopsis armata e Rugulopteryx okamurae atópanse amplamente espalladas na área atlántica xunto con plantas tolerantes ao sal. “Estas especies son prexudiciais para as nativas porque bloquean a luz solar, danan os hábitats e producen biomoléculas que poden perturbar os ecosistemas, causando esgotamento do osíxeno, danos ambientais e perdas económicas”, subliña o profesor Botana. Con todo, estas especies tamén poderían brindar oportunidades para a recuperación da biodiversidade e o desenvolvemento da economía circular mediante a valorización da súa biomasa. Un enfoque de colleita sostible pode contribuír á captura de carbono, a eliminación de nutrientes e a restauración de ecosistemas degradados. A biomasa colleitada no marco de Revalgae utilizarase para explorar novas aplicacións en diferentes campos. “Ao combinar estas estratexias, é posible reducir os efectos adversos das especies invasoras e, ao mesmo tempo, transformalas en recursos valiosos que apoian a restauración ambiental”, matiza o investigador principal do proxecto.

Neste contexto, o consorcio ten como obxectivo restaurar os ecosistemas mariños e a biodiversidade, así como xerar aplicacións innovadoras de base biolóxica para estas especies de alto potencial mediante procedementos de recolección sostibles e novos enfoques biotecnolóxicos. A participación de goberno, industria, academia e sociedade civil, o intercambio de coñecementos e as técnicas de recolección sostibles mellorarán o medio ambiente e as cadeas de valor, a xuízo do equipo investigador. “Revalgae contribuirá a unha agricultura ecolóxica máis sostible e resiliente ao converter as algas invasoras e as plantas tolerantes ao sal en recursos valiosos”, sosteñen. 

O proxecto articúlase en catro bloques de traballo para xerar un dobre beneficio para a biodiversidade e o desenvolvemento das cadeas de valor da bioeconomía azul e a biotecnoloxía mariña dentro da área en cuestión. Para logralo, o proxecto inclúe a identificación e avaliación de algas invasoras e plantas tolerantes ao sal que perturban os ecosistemas costeiros; a definición de procedementos de recolección sostibles que se probarán nos proxectos piloto, garantindo a eliminación destas especies á vez que se mitigan os seus efectos nocivos e se restauran os ecosistemas; a valorización da biomasa colleitada, derivada da recolección destas especies; e a participación de todos os actores da Cuádrupla Hélice (goberno, industria, academia e sociedade civil) para fomentar a colaboración e a transferencia de coñecemento.

O proxecto que botará a andar en xaneiro de 2026, agárdase que contribúa ao desenvolvemento e avance de estratexias da UE como o Pacto Verde Europeo, o Plan de Acción Atlántico 2.0, o Marco Estratéxico Mariño, a Axenda Territorial da UE e a transición do Crecemento Azul a unha Economía Azul Sostible. Ademais da USC, o consorcio está integrado pola University of Galway e a Universidade NOVA de Lisboa, así como pola French Agency for Food Environmental And Occupational Health & Safety (Unité Toxicologie des contaminants), Institut des sciences du vivant Frédéric Joliot, Centro de Ciências do Mar Algarve e o Instituto Tecnológico de Canarias SA. Ademais, o Ayuntamiento de Las Palmas de Gran Canaria e a Estación Fitopatolóxica Areeiro actúan como entidades observadoras. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.08.2025.