Ir o contido principal

O proxecto SDGsJR avanza en Malaisia na introdución dos ODS na información xornalística

O proxecto ten como principal obxectivo introducir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS) na información periodística mediante un plan de estudos de xornalismo, en liña co desenvolvemento sostible e o aumento dos coñecementos do persoal docente en metodoloxías de ensino baseadas nas TIC
O proxecto ten como principal obxectivo introducir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS) na información periodística mediante un plan de estudos de xornalismo, en liña co desenvolvemento sostible e o aumento dos coñecementos do persoal docente en metodoloxías de ensino baseadas nas TIC
A USC coordina este consorcio que promove un programa de cursos en seis universidades asiáticas
Santiago de Compostela

Un equipo da USC, dirixido polo profesor Oscar Rodil Márzabal, está a realizar esta semana unha visita de estudos á capital de Malaisia, Kuala Lumpur, para analizar a evolución e avances do proxecto de investigación  ‘Sustainable Development Goals in Journalism Reporting (SDGsJR)’, cofinanciado polo Programa Erasmus+ da Comisión Europea cun orzamento de reto dun millón de euros. O proxecto ten como principal obxectivo introducir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS) na información periodística mediante un plan de estudos de xornalismo, en liña co desenvolvemento sostible e o aumento dos coñecementos do persoal docente en metodoloxías de ensino baseadas nas TIC.

O consorcio está conformado por institucións procedentes de España, Romanía, Luxemburgo, Camboxa, China e Malaisia, e coordinado pola USC. A visita de estudos celébrase nesta ocasión na sede dunha das universidades asiáticas que participan no proxecto, Universiti Malaya (UM) e nela participan tamén representantes das outras cinco universidades asiáticas nas que se desenvolve o proxecto, así como membros das outras institucións europeas implicadas. 

Oscar Rodil, Marzábal, Hugo Campos Romero, María del Carmen Sánchez Carreira e Bruno Blanco Varela están a participar nestes días nun intenso programa de reunións para analizar a evolución do proxecto, que se atopa na súa fase final de desenvolvemento xa que finaliza en novembro deste ano. 

Entre as actividades a desenvolver nestes días atópanse unha reunión do Comité de Calidade (Quality Board) do proxecto e debates sobre a implementación dos cursos de ODS para xornalistas e estudantes nas seis universidades asiáticas que participan no proxecto, e tamén sobre o proceso de acreditación dos cursos nos países socios do continente asiático. 

SDGsJR é un proxecto de 36 meses (2019-2022), cofinanciado polo Programa Erasmus+ da Comisión Europea, cun orzamento próximo ao millón de euros, prorrogado pola EACEA ata finais de 2023 polos efectos da pandemia. Está coordinado pola USC da man do profesor Óscar Rodil Marzábal, do grupo de investigación ICEDE e da Agrupación Estratéxica CRETUS.

Todas as actividades do proxecto viran ao redor da idea de desenvolver un programa de cursos nas universidades asiáticas participantes, que sexa sostible a longo prazo e estea vinculado ás necesidades do mercado laboral e da sociedade en xeral. Así mesmo, preténdese aumentar a capacidade do persoal académico das universidades asiáticas asociadas, polo que recibirá formación para impartir o novo curso.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2023.