Ir o contido principal

O proxecto TERRAUSCVIDA amosa as potencialidades da USC nos eidos da produción agroalimentaria e da xestión do territorio

Feira NaturaLugo
Feira NaturaLugo
O programa, financiado polo Consello Social da USC con 23.000 euros, inclúe construír un invernadoiro para cultivo ecolóxico na finca de prácticas da EPS en Sanfiz

A USC pretende amosar á sociedade as capacidades e potencialidades nas diferentes vertentes de produción, transformación e elaboración de alimentos, así como na xestión do territorio e planificación do hábitat, a través do proxecto TERRAUSCVIDA, un programa que conta financiamento do Consello Social da USC e que está coordinado polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo e vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, Xan Neira Seijo.

A preocupación ambientalista e a aposta pola produción ecolóxica son dúas das características presentes na xénese de TERRAUSCVIDA, segundo sinala o profesor Neira Seijo, quen tamén fai fincapé no carácter transversal dunha iniciativa que implica a docentes, investigadores e centros dos campus Terra e Vida da USC, e que defende as prácticas agroecolóxicas como alternativa ao modelo imperante de agricultura química, baseado no uso intensivo do terreo de cultivo, cunha alta incorporación de de insumos. O alto custe, que, segundo a FAO, implica atallar os problemas de saúde e de contaminación ambiental ocasionados pola praxe da agricultura convencional, e a pertinencia de dotar a institución universitaria de persoal e medios acaídos para ofrecer respostas que está a demandar a sociedade neste eido, constitúen, na opinión de Xan Neira, argumentos xustificativos dun proxecto da USC que conta con 23.000 euros de financiamento. Actuacións programadas TERRAUSCVIDA é un proxecto nado en parello e tamén de xeito complementario do XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e a través do que os seus promotores e participantes pretenden achegar á sociedade as potencialidades da USC nos eidos da produción agroalimentaria e da xestión do territorio. Daquela, cómpre sinalar que este proxecto conta coa participación de grupos e centros de investigación e plataformas tecnolóxicas, entre as que figuran a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC, a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), Estación Hidrobiolóxica Encoro do Con (EHEC), Estación Científica do Courel, Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Proepla, asociación Red Terrae, Seae e a Sociedade Galega de Agroecoloxía (Soga). A existencia deste amplo abano de socios do proxecto TERRAUSCVIDA é a que está a facer posible o desenvolvemento das distintas accións programadas: obradoiros de xestión de ecosistemas de ribeira, aproveitamentos non madeireiros, bases de gandería ecolóxica e elaboración de derivados lácteos, dinamizadores agroecolóxicos, a feira NaturaLugo, construción de madeira e hortos ecolóxicos. Á execución destas accións, os promotores de TERRAUSCVIDA engadiron a proposta de dotar a finca de prácticas de que dispón o Campus Terra da USC no polígono lugués de Sanfiz dun invernadoiro exclusivo para cultivo en ecolóxico e destinado e ensaios de rega e multiplicación de sementes ecolóxicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2016.