O proxecto da USC ‘Unha cebra na auga’ permite que estudantes de secundaria de Galicia logren a reprodución de peixes na aula

O proxecto de divulgación científica ‘Unha cebra na auga’, promovido polo grupo de investigación Acuigen, do Departamento de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela, e no que participaron estudantes de 20 centros educativos de Galicia de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato (BAC), permitiu que algúns dos/as participantes neste programa lograran reproducir dúas xeracións de peixes cebra na aula e deseñaran experimentos para caracterizar novas liñas mutantes. A catedrática da Universidade de Santiago Laura Sánchez Piñón, que é a responsable do programa ‘Unha cebra na auga’, un proxecto financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) co obxectivo de divulgar a ciencia para así xerar novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino secundario, salientou o éxito desta iniciativa e a boa acollida que tivo entre o alumnado de ESO e de BAC. Sánchez Piñón sinalou neste senso que nas distintas visitas realizadas aos centros educativos que participaron no programa ‘Unha cebra na auga’ co gallo da súa conclusión, deparou sorpresas moi gratas, tal e como o foron os logros acadados por estudantes do Colexio Fingoi, no que o alumnado logrou reproducir dúas xeracións de peixes cebra, ou no C.P.I. San Sadurniño, que converteu esta experiencia nun proxecto educativo de centro. No caso do C.P.I. San Sadurniño, engadiu Sánchez Piñón, o proxecto ‘Unha cebra na auga’ contou coa participación de estudantes de todos os niveis de ensino e de distintas áreas educativas: Lingua Española, Matemáticas, Física, Química, Tecnoloxía... Este grao de implicación deparou incluso que os estudantes de Tecnoloxía chegaran a fabricar comedores automáticos para os peixes, dixo Sánchez Piñón, que lembrou que “nestas visitas puidemos apreciar o interese do alumnado por este tipo de ensinanza, fundamentalmente práctica, e en contacto coa investigación”. O proxecto ‘Unha cebra na auga’, desenvolvido ao longo dos últimos oito meses, fixo posible que moitos dos/as alumnos/as dos centros adheridos a este programa piloto, pero con visión de continuidade dentro de futuras convocatorias da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), visitaran o laboratorio do peixe cebra no campus de Lugo, no que puideron poñer en práctica as técnicas de transxénese e transplantes que previamente aprenderan no simulador pedagóxico. Sánchez Piñón relatou que o grupo de investigación Acuigen da USC, ao que pertence e cuxa actividade científica se centra na xenómica de peixes, as súas aplicacións á acuicultura e no emprego de organismos modelo aptos para aplicacións e toxicoloxía e biomedicina, contou con entidades colaboradoras para o desenvolvemento do proxecto ‘Unha cebra na auga’. Esta investigadora agradeceu así o apoio obtido das empresas Intelixencia visual, unha firma de base tecnolóxica que desenvolveu o simulador pedagóxico, Geneaqua, unha spin-off da USC que participou neste proxecto a través dun taller de emprendemento, e da Fundación TIC, dependente da Deputación Provincial de Lugo e que leva a cabo actividades dirixidas ao fomento da educación, investigación e ao desenvolvemento das TIC.