O proxecto 'Saber Vivir + Cerca' chega a Santiago cunha conferencia do catedrático Rafael Tojo
Avalado pola Fundación Dieta Atlántica e a Universidade de Santiago, chega a Galicia o proxecto ‘Saber Vivir + Cerca’ creado por Gallina Blanca e polo Club Gente Saludable do programa Saber Vivir de TVE. Trátase dunha serie de conferencias educativas sobre a alimentación sa e os bos hábitos alimentarios.
Así, este venres 20, ás 19:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o catedrático da USC e xefe de pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Rafael Tojo, ofrecerá unha conferencia nun acto ao que tamén asisten o presidente da Fundación Dieta Atlántica e reitor da USC, Senén Barro, e a responsable do programa ‘Saber Vivir + Cerca’ de TVE, Cristina Saavedra.
Será esta a primeira charla da Fundación Dieta Atlántica constituída en maio de 2007 grazas, entre outros, ao esforzo de investigadores e docentes da USC. Ademais de preocuparse por difundir os beneficios da nosa dieta, a Fundación está a promover investigacións sobre o hábito de consumo dos galegos ou a mellora da calidade nutricional dos alimentos.