Ir o contido principal

O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, dos máis valorados na última convocatoria de axudas da Fecyt á cultura científica

Sesión do programa XuvenCiencia para profesorado
Sesión do programa XuvenCiencia para profesorado
As propostas da USC ‘Efervescencia 500’ e ‘Stat Wars. O imperio dos datos’, tamén acadaron financiación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía
Lugo

O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do campus de Lugo, coordinado pola profesora Mercedes Novo Rodríguez, é unha das tres iniciativas da USC que veñen de acadar financiamento na última convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, convocadas pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt). A resolución provisional das axudas expedidas pola Fecyt para os anos 2019-20 tamén contempla achegas económicas para outras iniciativas impulsadas desde a USC, tales como son ‘Efervescencia 500’ e ‘Stat Wars. O imperio dos datos’.

O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, que contara con respaldo da Fecyt nas edicións de 2017 e 2015, concorreu a esta convocatoria de axudas xunto con outras 254 candidaturas promovidas por entidades privadas e pública de toda España na liña de Creatividade e vocacións científicas, na que acadou a cuarta puntuación máis alta, logo de acadar 96 puntos dun máximo de cen.

A profesora Mercedes Novo e coordinadora do grupo XuvenCiencia, no que tamén teñen unha implicación activa profesorado das facultades de Ciencias, Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo ligados aos departamentos de Química Física, Patoloxía Animal, Anatomía Patolóxica, Xenética, Enxeñaría Agroforestal ou Producción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, recoñeceu sentirse “moi satisfeita” pola alta valoración feita pola Fecyt respecto deste proxecto.

O obxectivo de ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, unha iniciativa, que se estrutura en dúas accións estreitamente ligadas, como o son as xornadas ‘XuvenCiencia para profesorado’ e o programa ‘ XuvenCiencia na aula’, pasa por achegar a metodoloxía científica e a práctica investigadora ao alumnado de secundaria e bacharelato a través de kits de experimentación, introducindo aos mozos no método científico e promovendo a súa capacidade de observación, de resolución de problemas e a súa creatividade. O proceso de investigación desenvólvese na aula baixo a titoría do profesorado de ensino medio previamente formado, dunha forma flexible, personalizada, e contando en todo momento co apoio do profesorado universitario.

As principais novidades incluídas nesta nova edición do proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, responden á inclusión de sesións de formación específica sobre o método científico e o deseño de experimentos para o profesorado de ensino secundario, durante as que se traballarán as distintas fases do traballo científico desde a toma de datos e o procesamento e presentación dos mesmos ata a discusión de resultados e a súa publicación en forma de artigo científico ou a través das novas tecnoloxías (blogs, aulas Facebook)…

A próxima edición de ‘Xuvenciencia. Fago, logo aprendo’ contempla asemade a actualización dos kits existentes (Vitroplant, Animal CSI, Photonics Explorer e Aqualab) con novas actividades interdisciplinares e adaptadas ao currículo escolar e prácticas ligadas ás probas da EBAU. A estes kits xa existentes engádense dous novos, a través dos que se busca achegar a investigación ao mundo real, coñecendo os fundamentos básicos de certas técnicas de amplo uso e relevancia como a PCR (kit DNA-MEAT) ou a fotometría (kit de Análise Fotométrico).

Novos kits

O kit DNA-MEAT ‘Ensaio molecular de trazabilidade animal’, no que está implicado profesorado do Departamento de Xenética da USC, pretende achegar as técnicas básicas rutinarias dun laboratorio de bioloxía molecular a estudantes preuniversitarios. O obxecto desta nova ferramenta é a identificación da composición de produtos cárnicos manufacturados coa finalidade de poder detectar posibles fraudes alimentarios. Este novo kit permitirá crear unha ferramenta molecular que permita a identificación da presenza de dúas das principais carnes consumidas en Galicia: tenreira e porco. Dado que os centros educativos non adoitan dispor de termocicladores, a PCR realizarase de forma manual, utilizando baños a diferentes temperaturas e cronómetros para o control dos tempos.

O novo kit de Análise Fotométrico, en cuxo deseño participa profesorado das áreas de Química Física, Bioquímica, Enxeñaría Agroforestal e Expresión Gráfica, ten como obxectivo familiarizar ao estudantado coas análises química e bioquímica, a través dunha ferramenta de amplo uso como é o fotómetro, pero aplicándoa á determinación analítica de da proteína que contén un elemento.

Este kit consta de dúas partes, un fotómetro básico baseado no microcontrolador Arduino e a impresión 3D, e será deseñado e construído polos responsables do kit de maneira que permita a realización de medidas de absorbencia coa precisión adecuada pero que tamén sirva para mostrar os fundamentos da fotometría, e os reactivos e material necesarios para a valoración cuantitativa da proteína presente nun alimento utilizando o método de Lowry.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2019.