Seis proxectos da USC obteñen axudas á investigación da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña
A Asociación Española Contra o Cancro presentou este venres as súas Axudas á Investigación AECC 2024 concedidas na provincia da Coruña. No acto, celebrado na sede do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da cidade herculina, entregáronse os diplomas correspondentes a 12 axudas, do total de 16 outorgadas este ano despois de superar un proceso de concorrencia competitiva a nivel nacional. Na edición de 2024, as Axudas da Asociación na provincia coruñesa suporán un investimento de máis de 2,25 millóns de euros, que contribuirá a continuar impulsando a investigación oncolóxica na provincia.
O adxudicatario de Axuda a Proxectos Xerais AECC —300.000 euros— foi o doutor José Tubío, director do grupo Xenomas e Enfermidade do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. O seu proxecto, ‘Investigando como os xenes saltaríns poden axudar o sistema inmunitario a combater o cancro’, céntrase en estudar como os cambios xenéticos provocados por estes xenes poden conducir á produción de novas moléculas que poden activar o sistema inmunolóxico. Este proxecto podería abrir a posibilidade de utilizar estas moléculas como dianas para novos tratamentos fronte á enfermidade, polo que o seu grupo tentará explorar a posibilidade de utilizar as devanditas dianas para desenvolver vacinas personalizadas contra o cancro.
Á doutora Marta Varela, directora do grupo Control da expresión xénica en enfermidades hepáticas do CiMUS, concedéuselle a Axuda LAB AECC —300.000 euros—. Con ela pretenden desenvolver un proxecto dirixido a identificar novas dianas moleculares que conduzan ao desenvolvemento de terapias fronte aos colanxiocarcinomas —un grupo de tumores malignos biliares que poden xurdir no fígado— máis agresivos e refractarios á quimioterapia para diminuír a mortalidade asociada a este tumor. O seu equipo quere identificar os ARNs non codificantes longos (lncRNA) máis relevantes no desenvolvemento dos colanxiocarcinomas para poder atacalos.
Innovación
A Axuda Proxectos Estratéxicos AECC —149.000 euros— adxudicouse á doutora Yolanda Prezado, profesora de investigación no CiMUS. O obxectivo da súa iniciativa é aumentar a eficacia dos tratamentos de protonterapia en pacientes pediátricos de meduloblastoma —o tumor sólido pediátrico máis frecuente— e, especialmente, reducir os efectos secundarios do tratamento a longo prazo.
A Asociación tamén lle concedeu unha axuda predoutoral AECC —100.600 euros— a Beatriz Rodríguez Lemus, do CiMUS, que estudará a interacción entre proteínas celulares como abordaxe terapéutica fronte ao cancro de fígado.
Así mesmo, entregáronse dúas Axudas do Programa de Prácticas en Laboratorio —ao redor de 3.900 euros cada unha— a Manuel Novas e Ismael Amado, que realizarán as súas prácticas na Universidade de Santiago de Compostela e no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), respectivamente.