Ir o contido principal

Psicoloxía formará a profesorado de secundaria en autorregulación emocional

Esta formación, á que accederán unha vintena de docentes, tamén porá o foco en acrecentar o coñecemento e destrezas de manexo das emocións e sentimentos dos estudantes. FOTO: Santi Alvite
Esta formación, á que accederán unha vintena de docentes, tamén porá o foco en acrecentar o coñecemento e destrezas de manexo das emocións e sentimentos dos estudantes. FOTO: Santi Alvite
Zeltia Martínez López e Emma Mayo Pais son as impulsores desta formación que dende a USC pretende promover a reflexión sobre a importancia dos fenómenos emocionais e a súa incidencia no benestar psicolóxico e éxito académico do alumnado adolescente
Santiago de Compostela

As profesoras da área de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC e pertencentes ao grupo de investigación UNDERISK, Zeltia Martínez López e Emma Mayo Pais, son as directoras do curso ‘A autorregulación emocional no ámbito educativo. Coñecemento e manexo dos fenómenos afectivos en educación secundaria’ que botará a andar o vindeiro 11 de xaneiro. Esta actividade formativa pretende guiar o profesorado de secundaria na identificación, comprensión, expresión e regulación das súas propias emocións e sentimentos, así como promover a reflexión sobre a importancia dos fenómenos emocionais e a súa incidencia no benestar psicolóxico e éxito académico do alumnado adolescente.

Esta formación, á que accederán unha vintena de docentes, tamén porá o foco en acrecentar o coñecemento e destrezas de manexo das emocións e sentimentos dos estudantes; e en presentarlle ao profesorado as estratexias e recursos que poden empregarse para a autorregulación emocional dentro do grupo aula na súa práctica docente.

“As emocións constitúen un compoñente esencial do benestar subxectivo e a saúde psicolóxica e, en particular, considérase un factor crítico no proceso de ensinanza-aprendizaxe”, sinalan as directoras do curso. “Reviste especial relevancia, neste sentido, o manexo das emocións ligadas ao ámbito académico, pois condicionan o rendemento e desenvolvemento integral do alumnado, tendo o/a docente un papel fundamental na conformación dun clima socio-afectivo favorable na aula, e no ensino de estratexias de regulación emocional”, matizan. Por este motivo, o presente curso formúlase co obxectivo de ofrecer recursos para poder ensinar ao alumnado a coñecer e xestionar as súas emocións de forma eficiente.

O curso ten unha duración de 20 horas, das cales 14 serán presenciais e terán lugar na Facultade de Psicoloxía da USC en horario de 17.00 a 20.30 horas. O curso abordará a experiencia emocional, a conciencia e regulación emocional como competencias básicas para o benestar psicolóxico do profesorado e alumnado de secundara e a autorregulación emocional académica no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

Esta actividade de balde enmárcase dentro do proxecto de investigación lonxitudinal ‘Factores asociados ao axuste académico en adolescentes: o papel del apoio social percibido e a autorregulación da aprendizaxe” (ARASAC) que conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación e que está coordinado pola profesora Carolina Tinajero Vacas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.01.2023.