Ir o contido principal

Psicoloxía dá pulo a un ciclo de relatorios que poñen o foco na realidade migratoria

A Facultade de Psicoloxía colabora na organización do ciclo. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Psicoloxía colabora na organización do ciclo. FOTO: Santi Alvite
Baixo o título ‘Tempo da Psicoloxía’, a actividade está organizada conxuntamente co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e abre un espazo de reflexión que contará coa intervención de figuras académicas da especialidade, profesionais, activistas e integrantes de colectivos e asociacións de apoio ás persoas migrantes
Santiago de Compostela

'Tempo da Psicoloxía', ciclo impulsado pola Facultade de Psicoloxía da USC e polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, abre de novo á comunidade universitaria un espazo de reflexión que contará coa intervención de figuras académicas da especialidade, profesionais, activistas e integrantes de colectivos e asociacións de apoio ás persoas migrantes. O xornalista Ángel Suanzes modera este martes, 28 de febreiro, a sesión 'Cando a única saída é fuxir' na que participarán o psicólogo e colaborador de ACCEM, Hafdallah Menni; a socióloga e mediadora intercultural de Ecos do Sur, Masha Asieieva; e a psicóloga e docente da USC, Mónica Alzate. A sesión terá lugar ás 18.00 horas no Salón de Actos do centro.

Baixo o título 'Trata de persoas: escravitude silenciadada', a segunda sesión chegará o mércores 1 de marzo e contará coa presenza da psicóloga do programa 'Vagalume', Lorena Nieto; da fundadora da Asociación Las Independientes, Vanessa; e da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; moderadas pola xornalista Sonia Vizoso. O acto está programado ás 18.00 horas no Salón de Actos do centro.

Finalmente, a sesión 'Botando novas raíces: a integración comunitaria' congregará o xoves 2 de marzo o psicólogo do CIM Mancomunidade de Celanova, Marcos Álvarez; a coordinadora de proxectos de comunicación para o cambio social de AGARESO, Sonia Díaz; e o profesor e poeta refuxiado do Iemen, Yousef Ali Hussein Al Dubai, nunha conversa moderada pola xornalista Cláudia Morán que se desenvolverá a partir das 18.00 horas no salón de actos da Facultade. A asistencia ás xornadas é de balde e o programa e vías de inscrición para seguilas de forma presencial ou en liña están dispoñibles na web do proxecto.

Deporte

O 6 de marzo a partir das 15.00 horas celebrarase a primeira edición da Gala Deportiva da Facultade de Psicoloxía, iniciativa que este centro organiza coa vontade de favorecer a convivencia das persoas que integran a súa comunidade e mesmo a afianzar o vínculo entre o estudantado e a institución. Música, xogos populares, espectáculo de maxia e mesmo un partido de exhibición da Liga Genuine do Deportivo da Coruña conforman o programa deste encontro organizado polo estudantado do centro que busca servir para estreitar vínculos entre as persoas integrantes da comunidade universitaria. As distintas actividades desenvolveranse no pavillón deportivo do Campus Sur a partir das 14.00 horas e o evento concluirá ás 19.30 horas no Salón de Actos da Facultade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2023.