Ir o contido principal

Unha nova publicación homenaxea os profesores Julio Hernández Borge e José M. López Andión

Presentación do libro 'Poboación e Territorios Rurais'. Foto: Santi Alvite
Presentación do libro 'Poboación e Territorios Rurais'. Foto: Santi Alvite
O Grupo de Investigación ANTE edita o volume ‘Poboación e Territorios Rurais’, no que colaboran 40 autoras e autores de diferentes universidades da contorna estatal

O libro Poboación e Territorios Rurais, editado polo Grupo de Investigación ANTE (Análise Territorial) da USC e presentado este mércores no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, constitúe una homenaxe aos profesores Julio Hernández Borge e José M. López Andión, recentemente xubilados.

O acto de presentación do volume foi presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e contou tamén coas intervencións de Rubén Lois, coordinador do Grupo ANTE; Marco Virgilio García Quintela, decano da Facultade de Xeografía e Historia, e dos dous docentes homenaxeados.

Antonio López encargouse de dar a benvida ás persoas asistentes nun “día de agradecemento e de recoñecemento a compañeiros e amigos que se expresa a través do que mellor sabemos facer na universidade: estudar e investigar”. O reitor puxo en valor o contido dunha publicación que aborda “temas cruciais para o momento no que estamos, como o son o territorio, a poboación e o avellentamento, e no que se tratan grandes retos de futuro”.

Rubén Lois salientou o carácter colectivo do libro dedicado a dous mestres que “marcaron toda una época no Departamento de Xeografía dende a introdución da disciplina de Xeografía Aplicada ata o desenvolvemento do Grao de Xeografía e Ordenación do Territorio”. Co-editor do volume canda os profesores Francisco Ramón Durán Villa e Carlos Alberto Patiño Romarís, o coordinador do Grupo Ante fixo mención á participación multidisciplinar de estudosas e estudosos da Xeografía, a Economía e a Historia procedentes de dez universidades españolas nun volume que recoñece o maxisterio de Hernández Borge e López Andión, e as súas investigacións no campo dos estudos demográficos e xeodemográficos e nos estudos rurais, respectivamente.

Poboación e Territorios Rurais reúne achegas de 40 autoras e autores que analizan os problemas da poboación e das áreas rurais no presente.  Tal e como se fai constar na capa do volume, este procura achegar “elementos de reflexión que animen políticas efectivas de ordenación racional do territorio, que deixen de marxinar no curto e medio prazo as comarcas agrarias e labregas, normalmente localizadas no interior galego e español”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2022.