Unha publicación do Ibader sitúa o nordeste de Galicia como a rexión mundial con maior densidade de lobos
Galicia segue a ser terra de lobos ou, cando menos, así o constata o artigo ‘Censo da poboación de lobos (Canis lupus) do norte de Galicia e estimativa da densidade’, un traballo asinado por Pedro Alonso Iglesias, Miguel Hevia Barcon e David Martínez Lago e incluído no último número da revista científico-técnica ‘Recursos Naturais’ publicada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, que sitúa Galicia entre as rexións do mundo cunha maior densidade de poboación de lobo.
Os autores deste traballo, que recolle os resultados obtidos en prospeccións de poboación de lobo abordadas en 2019 e 2020, estiman a existencia de 22 grupos potencialmente reprodutores, ademais doutros individuos solitarios na rexión obxecto de estudo, unha área que se estende sobre unha superficie de 2.900 km2, na que probaron a presenza de 16 familias reprodutoras (o 72,7% do total), unha cifra sensiblemente superior aos 6 grupos contabilizados no último censo oficial da Xunta, que compilaba datos dos exercicios 2013, 2014 e 2015.
A área na que se desenvolveu este estudo sobre poboación de Canis lupus viría definida por unha liña que parte da localidade de Ribadeo cara a da Pontenova para logo virar a cara o oeste, unindo Abadín, Vilalba e Monfero. A península da Capelada tamén figura no territorio analizado, que abrangue desde máis ao sur das nacentes dos ríos Mera, Sor, Landro, Eume, Ouro e Masma cara omar e co Eo como lmite cara o leste
O crecemento das poboacións experimentadas por esta especie non se produciu no último lustro, segundo precisa o biólogo Pedro Alonso, que sitúa este aumento da poboación de lobo nesta rexión de Galicia nas dúas últimas décadas. Estes rexistros poñen en destaque a necesidade de actualización das estimativas de poboación da especie, precisa. Os datos recollidas nesta publicación, traducidos a densidade de poboación, sitúan o nordeste de Galicia cuns valores de densidade estimada dos máis elevados en toda a área de distribución mundial da especie (4.99 – 11.0 ex. /100 km2), sinala Pedro Alonso, quen cifra a densidade media de lobo entre 5 e 7 exemplares por cada 100 km2.
O progresivo despoboamento das áreas rurais, o que implica unha redución do número de lobos que morren a consecuencia do furtivismo, é un dos factores que, segundo Pedro Alonso, favorece o incremento das poboacións de lobo no nordeste de Galicia. A existencia de alimentación abundante nos montes da contorna, a proliferación de plantacións de eucaliptos e o progresivo abandono da cría de gando no monte, sobre todo da cabana equina, son outros dos parámetros que, segundo Alonso, contribúen á expansión e propagación do lobo.
Alén de apelar á conveniencia de arbitrar mecanismos orientados a controlar a demografía de Canis lupus, Alonso relaciona a alta densidade de lobo nesta rexión do nordeste de Galicia coa acentuada redución das poboacións de bestas cabalo galego de monte, en parte derivada da acción depredadora do lobo, o que diminúe as porcentaxes poldros que acadan a idade xuvenil e agrava aínda máis a diminución de eguas reprodutoras, cuxa poboación xa se reduciu á metade nas últimas décadas.