Ir o contido principal

Publicada a resolución definitiva dos proxectos de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo

A metodoloxía ApS integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo. Foto: Santi Alvite. á comunidade
A metodoloxía ApS integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo. Foto: Santi Alvite. á comunidade
Trátase de 34 proxectos a desenvolver no que resta de curso académico

Un total de 34 proxectos de innovación educativa que empregan a metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS) veñen de ser recoñecidos como tal pola Universidade de Santiago na súa oitava convocatoria.

A convocatoria contempla tres modalidades, diferenciando entre proxectos concorrentes que se presenten por primeira vez, propostas en consolidación, que xa foran avaliadas positivamente e que agora se amplíen con algún elemento innovador, e proxectos consolidados.

Así, a USC dá o seu visto bo por vez primeira a 11 proxectos de temáticas tan diversas como feminismos, manipulación informativa, acreditación de competencias para persoas migrantes, perda sensorial dual en poboación preescolar migrante, inclusión de mulleres en situación de vulnerabilidade ou a saúde cognitiva partindo da historia de vida.

Na categoría de proxectos en validación aprobáronse definitivamente 16 propostas, que teñen que ver con temáticas de muller, o rural, tarefas escolares, optometría en maiores, xerontoloxía, redes sociais, cribados visuais ou medicina oral. Finalmente, resolvéronse positivamente 7 proxectos consolidados de ApS sobre xestión agroforestal, benestar afectivo-emocional, loita contra o lume, aprendizaxe experiencial, desenvolvemento sostible no local, pedagoxía intercultural e atención optométrica a nenos e nenas en risco de exclusión social.

A metodoloxía educativa ApS integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2024.