Publicada a última actualización sobre a calidade do aire en Compostela realizada polo proxecto ‘Cycling with Clean Air’
Entre o 1 de novembro de 2023 e o 1 de maio de 2024, a concentración de PM2,5 no aire (partículas en suspensión cun diámetro menor de 2,5 micras) en Santiago de Compostela acadou un promedio de 8.0 μg/m3. Os datos obtivéronse no marco do proxecto Cycling with Clean Air, promovido por ConBici, a coordinadora en defensa da bicicleta en España, que mide a concentración destas partículas mediante medidores portátiles que un grupo de voluntariado leva durante os seus desprazamentos en bicicleta por Santiago de Compostela. Os medidores empregados son froito da implicación da USC neste proxecto que entronca directamente coa promoción dunha mobilidade activa e saudable.
O 77% das medidas non superan o límite de 10 μg/m3 que a nova directiva de calidade do aire establece para a media anual de PM2,5; con todo, a cifra de promedio rexistrada sitúase por enriba dos 5 μg/m3 recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). “A concentración de contaminantes depende das condicións de emisión, a meteoroloxía e a topografía urbana”, explican dende ConBici. A análise mostra que o 57.9% das medidas realizadas atópanse no que dende o estudo cualifican como rango verde e que abrangue entre 0 e 5 μg/m3, o 19.1% no rango amarelo 1 (5-10 μg/m3), o 8.3% no rango amarelo 2 (10-15 μg/m3) e o 14.7% restante superou os 15 μg/m3 (laranxa e vermello). A distribución espacial dos niveis de contaminación por PM2,5 en Santiago de Compostela mostra unha media de 5-15 μg/m3 (amarelo) na zona centro da cidade e concentracións maiores de 15 μg/m3 ao sur do centro histórico da cidade.
A partir dos datos obtidos, dende ConBici recomendan, ademais de continuar e profundar neste tipo de análises, mellorar o sistema de transporte público e impulsar a mobilidade ciclista para reducir os desprazamentos en vehículo privado motorizado, xunto con ampliar a accesibilidade e alcance do transporte público mediante medidas de intermodalidadade e crear zonas de “especial sensibilidade” nas contornas de centros educativos, sanitarios, hospitalarios ou residencias de anciáns.
Este proxecto, impulsado pola área de Saúde e Medio Ambiente e financiado polo Ministerio de Transición Enerxética e Reto Demográfico, ten como obxectivo mellorar a calidade do aire en áreas urbanas mediante a promoción da mobilidade activa e sostible en bicicleta. O informe tamén examina o atraso ou a paralización na implementación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) que deben deseñarse para mellorar a calidade do aire urbano e protexer a saúde poboacional. Desde 2022, o proxecto Cycling With Clean Air (CWCA) centrouse en analizar os niveis de contaminación do aire coa participación voluntaria de grupos locais que utilizan dispositivos para medir o material particulado PM2,5 mentres se desprazan en bicicleta.