Publicado o calendario de Xestión Académica para o curso 2021-2022
As persoas que desexen solicitar praza nos mestrados con criterios de selección xerais e específicos, así como no máster en Formación do profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Escolas de Idiomas, poden facelo dende este luns 7 de xuño e ata o vindeiro 20 de xullo. Este é un dos prazos que contempla o calendario de Xestión Académica da USC para o curso 2021/2022 que acaba de ver a luz e no que se dá conta dos períodos de admisión e matrícula tanto para inicio como continuación de estudos en grao, mestrado, cursos ponte, doutoramento, así como posgrao propio e formación continua.
O calendario para inicio de estudos de grao está estruturado en oito prazos de matrícula, alén dun prazo extraordinario en setembro para alumnado de fóra de Galicia e outro específico para as prazas que queden vacantes na USC. O primeiro dos prazos estenderase do 9 ao 12 de xullo. Asemade, entre o 1 de xullo e o 7 de setembro poderase formalizar a matrícula para continuar estudos de grao na USC, así como para continuar na institución compostelá estudos iniciados noutras universidades.
O documento que acaba de publicarse contempla tamén que o primeiro prazo para solicitar a admisión nos programas de doutoramento irá do 1 ao 10 de setembro; mentres que entre o 1 e o 30 de xullo será a quenda para solicitar praza nos cursos ponte. Outros dos contidos abordados no calendario son os cambios de matrícula e recoñecementos; outros estudos e actos académicos; así como os prazos relativos a calendario de exames, renuncia a convocatorias e xestión de actas. A docencia no primeiro semestre estenderase do 6 de setembro ao 22 de decembro; e no segundo, do 31 de xaneiro ao 13 de maio.