Publicados en USC TV os resultados dunha investigación sobre Santa María de Sar
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de dar a coñecer a través de USC TV os resultados do proxecto de investigación ‘Santa María de Sar, lugar xacobeo. Un proxecto de investigación e museografía para a ampliación do Museo de Arte Sacro’, que correu a cargo de Victoriano Nodar Fernández, profesor de Historia da Arte da UVigo.
A Colexiata de Santa María a Real de Sar é un dos monumentos con maior potencial da cidade de Santiago de Compostela. A súa igrexa é, despois da Catedral, o edificio mellor conservado e de maior calidade artística da arte románica da cidade. Atesoura, ademais, no seu Museo de Arte Sacra unha importante colección artística na que destacan, polo seu número e calidade, as pezas románicas procedentes tanto da igrexa como do claustro construído entre os séculos XII e XIII. O presente proxecto tivo como obxecto o estudo precisamente desta colección artística formada por capiteis, bases, columnas, doelas, sepulcros e lápidas funerarias coa fin de trazar un proxecto museolóxico e museográfico con vistas a unha ampliación do actual museo. O estudo virou, ademais, ao redor da potenciación da Colexiata de Sar como lugar xacobeo non só pola súa situación na última etapa da Vía da Prata senón tamén a través da recuperación de antigas tradicións locais que vinculan o enclave coa lenda da Traslatio.