Publicados en USC TV os vídeos cos relatorios da I Xornada Internacional de Estudos Xacobeos en Portugal
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de difundir a través de USC TV os vídeos coas sesións pertencentes á I Xornada Internacional de Estudos Xacobeos en Portugal. A iniciativa desenvolveuse conxuntamente co Centro de História da Sociedade e Cultura e o Centro Interuniversitario de Estudos Camonianos, os dous pertencentes á Universidade de Coimbra.
Este foro naceu co obxectivo de presentar as últimas investigacións de universidades portuguesas e españolas sobre a peregrinación xacobea polos camiños de peregrinación de Portugal, hoxe considerados entre os máis importantes a nivel internacional. Entre os relatores contouse coa presenza do profesor Paolo Caucci, presidente honorario do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; e Manuel Ferro, membro do Centro Interuniversitario de Estudos Camonianos da Universidade de Coimbra, experto en literatura italiana xacobea; e Filipa Araújo, pertencente ao mesmo centro e experta en literatura barroca xacobea. As sesións desenvolvéronse no Auditorio do Colégio de Santo António da Pedreira, na Casa da Infancia Doutor Elysio de Moura, en Coimbra.