Publícanse os glosarios en galego dos deportes olímpicos voleibol de praia e trampolín que elaborou a USC
O galego é unha das linguas presentes en catro novos glosarios multilingües publicados estes días e que recollen o léxico básico de deportes que acadaron a categoría de olímpicos nalgunha das últimas edicións. O Servizo de Normalización Lingüística da USC é o responsable da versión galega dos vocabularios panlatinos de voleibol de praia e trampolín, e elaborou conxuntamente coa Universidade de Vigo a versión galega do de escalada. A estes súmase o glosario de surf.
O conxunto dos vocabularios foron publicados polo Goberno francés (Délégation générale à la langue française et aux langues de France) coa colaboración da Rede Panlatina de Terminoloxía, podendo atoparse na mesma páxina un vocabulario panlatino de rugby que se publicou en 2023, co gallo da Copa do Mundo de rugby que se celebrou en Francia, pero que non forma parte do mesmo proxecto.
A Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) é unha rede de institucións, organismos e persoas que traballan en terminoloxía en linguas románicas e o Servizo de Normalización Lingüística da USC é unha das entidades representantes da lingua galega. O seu obxectivo xeral é favorecer un desenvolvemento homoxéneo da terminoloxía nas linguas románicas, aproveitando o feito de que todas elas presentan modos de formación léxica próximos entre elas, e que utilizan formantes semellantes. Isto concrétase sobre todo na realización conxunta de traballos terminolóxicos multilingües (glosarios e vocabularios) en ámbitos de interese común para a sociedade.