Puertas Mosquera ensina a súa colección de gravados antigos no Colexio de Fonseca
O visitante que ata o 2 de decembro se achegue ao Colexio de Fonseca poderá coñecer, a través de 270 gravados antigos, o estado das principais cidades e vilas galegas no século XIX. A mostra ‘Galicia no gravado antiguo. Colección Puertas Mosquera’ é unha produción conxunta da USC, o Consorcio de Santiago e a Fundación Caixagalicia.
A inauguración da exposición tivo lugar o pasado venres nun acto no que participaron os vicerreitores de Cultura e de Relacións Institucionais da USC, Elias Torres e Lourenzo Fernández, respectivamente; o alcalde de Compostela e presidente do Consorcio de Santiago; Xosé Sánchez Bugallo; e o director de Acción Social de Caixa Galicia, Xosé Manuel García Iglesias, entre outras personalidades.
Carmelo Puertas Mosquera, compostelán de adopción, é un gran coleccionista de gravados antigos cuxo traballo xa en 2000 propiciou a mostra ‘Cartografía de Galicia. S. XVI ó XIX’ no Colexio de Fonseca, de rotundo éxito tanto de visitantes coma polo seu catálogo, que acadaría o recoñecemento ao libro mellor editado.
Nesta ocasión, a exposición reúne parte da súa colección de gravados que mostran cidades e vilas galegas no século XIX como A Coruña, Vigo, Baiona, Tui, Pontevedra, Vigo ou Baiona, e, principalmente, Santiago de Compostela.