Ir o contido principal

O QS World University Rankins 2020 mantén a USC entre as mil mellores universidades do mundo

Imaxe de arquivo da Biblioteca de Bioloxía
Imaxe de arquivo da Biblioteca de Bioloxía
Por materias, destaca a actividade da USC en farmacia, agricultura, silvicultura, lingua, enxeñaría química, matemáticas ou física
Lugo, Santiago de Compostela

O QS World University Ranking 2020 mantén un ano máis á USC entre as mil mellores universidades do mundo, nunha listaxe na que figuran un total de 27 universidades españolas. A de Santiago de Compostela atópase no intervalo 651-700. Na súa elaboración, esta clasificación presta especial atención á reputación académica das institucións seleccionadas (40% da nota final) a través da distribución dunha enquisa entre preto de 100.000 persoas da comunidade académica e investigadora arredor do mundo. Outros aspectos considerados na valoración final de cada universidade son o índice de citacións do persoal docente e investigador (20%); a ratio profesorado/alumnado (20%); a reputación entre os empregadores (10%), tamén en base a valoracións recollidas por medio dunha enquisa; e a proporción do profesorado e alumnado internacional (10%).

Áreas destacadas
Por áreas de coñecemento e segundo unha listaxe do pasado ano, QS destaca a USC pola súa actividade nos ámbitos de Farmacia e farmacoloxía e en Agricultura e silvicultura situándose no intervalo das 151-200 mellores universidades do mundo, así como en Linguas modernas, Enxeñaría Química e en Lingua e literatura inglesa, no intervalo 201-250.

En estudos ambientais, Matemáticas, Física e Astronomía e en Lingüística, a Universidade compostelá atópase no intervalo das 251-300 mellores institucións universitarias, mentres que en Ciencias naturais ascende á posición 289 e en Química a 301-350. Pola actividade docente e investigadora en Medicina e en Ciencias Biolóxicas ocupa a posición 351-400 e pola de Artes e Humanidades a 391. Finalmente, en Ciencias da vida sitúase na posición 401-450 e por Economía e econometría na 451-500.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.01.2020.