Ir o contido principal

Quedan aínda dúas oportunidades para descubrir a Cidade da Cultura da man da USC

Quedan aínda dúas oportunidades para descubrir a Cidade da Cultura da man da USC
Quedan aínda dúas oportunidades para descubrir a Cidade da Cultura da man da USC
A Fundación USC Deportiva organiza o roteiro gratuíto ‘Camiño ao Gaiás’ todos os xoves do verán

Durante este verán a Fundación USC Deportiva organiza o roteiro ‘Camiño ao Gaiás’, unha actividade incluída dentro do ‘Verán no Gaiás’ da Cidade da Cultura. O programa repítese ininterrompidamente todos os xoves do verán e polo momento xa participaron nel máis de 120 persoas. Os días 4 e 11 deste mes serán as últimas oportunidades para coñecer camiñando a riqueza paisaxística e arquitectónica da cidade. O percorrido, de aproximadamente 4 quilómetros, comeza todos os xoves ás 17.15 horas na Praza de Mazarelos e discorre pola Facultade de Xeografía e Historia, a Igrexa de San Fiz de Solovio, o Parque e Convento de Belvís e o Seminario Menor. A ruta segue pola Avenida de Quiroga Palacios e a Rúa do Bispo Teodomiro ata as Brañas do Sar, desde onde se continúa ata o Museo Gaiás para realizar unha visita guiada á exposición ‘Auga Doce’, unha mostra multidisciplinar a través das que grandes artistas lle renden unha homenaxe á beleza da auga, un elemento clave na identidade galega. O itinerario ten unha duración de tres horas e está concibido como unha ferramenta para poñer en valor a riqueza cultural e paisaxística de Compostela e promocionar o Monte Gaiás e as súas exposicións, ademais de fomentar un estilo de vida saudable a través da actividade física que realizan todos aqueles que participan no roteiro.

Para participar neste itinerario gratuíto é necesario inscribirse previamente a través do formulario dispoñible na páxina web da Fundación USC Deportiva (www.fundacionuscdeportiva.org) ou contactando a través do teléfono 881 97 53 99. A hora límite de inscrición será o mesmo día de realización da ruta ás 14:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2014.