Ir o contido principal

Quedar na casa marca a diferenza

Vista parcial do Campus Vida. Foto: Santi Alvite
Vista parcial do Campus Vida. Foto: Santi Alvite
Unha persoa pode transmitir o COVID- 19 a unha media de 2,5 persoas, polo que o confinamento é esencial para frear a curva de contaxio
Lugo, Santiago de Compostela

O decreto de estado de alarma por mor da crise do COVID-19 e o confinamento doméstico que este implica está encamiñado a reducir o número de contactos entre persoas e, en consecuencia, frear a expansión do virus. O profesor da USC Gumersindo Feijoo Costa, catedrático de Enxeñaría Química e vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, baseouse nos datos que existen sobre a propagación do coronavirus para abordar a diferenza entre o número de contaxios no caso de quedar na casa, con respecto ao que acontecería de non seguirse esta medida, tal e como amosan os seguintes gráficos:

Expansión do virus nun contexto de non confinamento. Gumersindo Feijoo
Expansión do virus nun contexto de non confinamento. Gumersindo Feijoo
As siluetas verdes representan as persoas que se salvan dun potencial contaxio. Gumersindo Feijoo
As siluetas verdes representan as persoas que se salvan dun potencial contaxio. Gumersindo Feijoo

“De acordo coa OMS, o índice básico de reprodución (R0) do COVID-19 é de 2,5, o que significa que unha persoa pode chegar a contaxiar a unha media de 2,5 persoas”, explica o catedrático. Porén, estes datos non contemplan os contaxios en aglomeracións, en cuxo caso serían máis elevados. Segundo amosan os gráficos, “ao quedar na casa curtocircuítase a correa de propagación”, indica Feijoo Costa. 

De feito, o confinamento non ten como finalidade eliminar por completo a propagación do COVID-19, senón frear a curva de contaxio e evitar así o colapso do sistema sanitario estatal. “O confinamento baixa o índice R0 dun brote, polo que serve para moderar a propagación da epidemia”, explica o experto. A clave “é comezar a ter un número R0 por debaixo de 1, pois nese caso a taxa de contaxio da enfermidade é negativa, e comeza a remitir”, aclara Feijoo Costa. “Canto máis pequeno sexa o número, máis axiña será a erradicación do virus”, conclúe.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2020.