Ir o contido principal

'Quen son elas?' de Cinthia Piñeiro Acevedo acada a bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás
O proxecto consiste nun programa de radio centrado no deporte minoritario e feminino
Santiago de Compostela

A Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, recaeu nesta oitava edición en ‘Quen son elas?’, un proxecto presentado por Cinthia Piñeiro Acevedo. O xurado, formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela, valorou no proxecto gañador "a forma de achegarse á comunicación deportiva dende dúas perspectivas distintas: por un lado, facendo fincapé nos deportes minoritarios, e, por outro, pola súa perspectiva de xénero, dándolle voz e protagonismo ás mulleres", así como "a boa planificación incluída na candidatura, que permite albiscar que o proxecto pode ter continuidade no tempo". 
 
‘Quen son elas?’ é un programa radiofónico a través de YouTube que pretende abrir un espazo de difusión aos deportes minoritarios e minorizados en Galicia, mais tamén o de ter a ollada posta na perspectiva de xénero. Cada programa estará formado por unha entrevista duns vinte minutos a deportistas ou persoas con cargos vinculantes no deporte, acompañada de dúas seccións secundarias que irán alternando entre as seguintes: Efeméride (reportaxes sobre días conmemorativos oficiais vinculados co deporte e coa data de publicación), Faino como Virginia Switzer (historias de deportistas galegas veteranas), Os clásicos galegos (sobre deportes tradicionais) e Pequenas promesas (informacións das campioas que xa comezan a dar os seus primeiros resultados en competicións de alto rendemento). Nas entrevistas aparecerán mulleres e homes, mais as seccións secundarias estarán dedicadas exclusivamente á historia de discriminación deportiva feminina. O proxecto busca, polo tanto, crear unha comunicación xornalística na que se aborden contidos doutras actividades alén do fútbol masculino.  
 
O proxecto foi presentado Cinthia Piñeiro Acevedo, que acadou o Grao de Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela o pasado ano 2022. Piñeiro ten realizado practicas laborais como redactora en Galicia Press, e como redactora e locutora na Radio Galega, onde elaborou contidos para os programas Galicia Por Diante, A Crónica, Informativos Fin de Semana e Diario Cultural, ademais de publicar podcasts na web da emisora. O seu Traballo de Fin de Grao, ‘Quen son elas? O deporte galego dende a perspectiva de xénero’, no que está o alicerce do proxecto presentado á Bolsa Nacho Mirás, recibiu ex aequo o premio da Valedora do Pobo ao mellor TFG en materia de igualdade.  
 
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formarse o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021) e Notas á marxe (2022). 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2023.