Ir o contido principal

Quenda do alumnado de Administración de Empresas de Lugo nas xornadas de motivación empresarial

Romper os mitos sobre a figura do emprendedor é o propósito dunhas xornadas de motivación empresarial que organiza no Campus de Lugo a súa Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento en colaboración co Concello. Logo de participaren a finais do pasado ano estudantes de enxeñaría civil e de enxeñaría xeomática e topografía da Escola Politécnica Superior, este xoves 12 correspóndelle a quenda ao alumnado da materia Fundamentos e dirección de empresas do Grao de Administración e Dirección de Empresas. Será na propia facultade de 11 a 12.30 horas. Durante as xornadas expóñense casos reais de persoas emprendedoras en Galicia que explicarán os seus inicios, os recursos dos que dispoñían, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que os levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tiveron que superar e as ameazas e perspectivas de éxito que se avistan no seu sector ou mercado. Os seminarios comezan mostrando a figura dunha persoa emprendedora, pedra angular de calquera proxecto empresarial, e analízase a relación entre o éxito da empresa e as súas características persoais. Continúa a xornada tratando a idea de negocio, é dicir, que concepto se pretende vender e cal será o perfil da clientela potencial habida conta que a viabilidade dun proxecto depende en gran medida da calidade e madurez da idea inicial. Neste bloque temático abórdanse tamén as diferentes fontes de información ás que se debe acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade comercial, económica-financeira e técnico-legal. Por último, ofrécense recursos e ferramentas para transformar a idea en proxecto tales como elaborar un plan de empresa rigoroso ou unha planificación real dos recursos humanos e materiais necesarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2012.