Ir o contido principal

A Quenlla presenta este xoves o seu novo álbum no Lubicán 2011

O grupo musical A Quenlla presenta este xoves 26, ás 20:30 horas no Círculo das Artes de Lugo, o seu novo traballo ‘Os irmandiños’. A actuación forma parte do ciclo Lubicán que organiza Lugo Cultural. A obra literaria á que A Quenlla lle pon música neste traballo consiste nun conxunto de once poemas escritos por Manuel María hai xa algunhas décadas, pero ata agora non chegaran ao público de xeito independente. Os textos apareceran canda outros poemas do autor co título “Unha vez foi o trebón”, e trataban as revoltas irmandiñas. Manuel María desexaba recuperar esta obra, tal como lles manifestou hai algúns anos a dous membros do grupo. A Quenlla compóñena actualmente Chus, Iria, Teresa, Mariña, Eduardo, Mijail, Manuel, Mero e Mini, que traballan neste álbum co músico Carlos Doval no baixo e teclados e cos alumnos e alumnas da Aula de Teatro da Escola Arte e Lecer Fingoi e a actriz Paula Buján. A cuarta edición de Lubicán pecharase o 21 de xuño co concerto de Marful que presentará o seu Manual de Seducción. Este último recital, que forma parte da xira de presentación do novo disco que o grupo realizará ao longo de 2011, terá lugar na Praza de Santa María.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2011.