Química conmemora o primeiro século de vida dos seus estudos
O acto inaugural do centenario de Química na USC serve este venres 25 de punto de partida para o programa de actividades co que esta Facultade quere conmemorar os 100 anos de historia dos seus estudos. Logo de que en 1922 botase a andar a Facultade de Ciencias da USC cunha única sección, a de Química, creouse tamén o primeiro Plan de Estudos neste ámbito, cuxo aniversario é conmemorado nesta sesión presidida polo reitor Antonio López.
Ademais do reitor, toman parte no acto a decana Pilar Bermejo Barrera, e o presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez. O relatorio este venres, a cargo de Javier García Martínez, presidente da Unión Internacional de Química Pura e Aplicada, e que leva por título ‘Química máis alá da capa de valencia’ é a primeira dun ciclo de conferencias no que “invitamos a profesionais químicos moi relevantes para que nos transmitan a súa visión sobre diferentes aspectos relevantes da química na actualidade”, explicou a decana. O seguinte relatorio, a cargo da doutora en Bioloxía Xoana Pintos, terá lugar o vindeiro 9 de marzo, baixo o título ‘Muller e Química’.
“Hoxe 100 anos despois do inicio dos estudos de Química na USC, creo que podemos dicir que a Facultade actual parécese en moitos aspectos a aquela nova e brillante facultade inicial do ano 1922”, sinalou a decana. “Esperemos que dentro doutros 100 anos, os nosos futuros compañeiros poidan sentirse tan orgullosos desta Facultade de Química, como nos sentimos nós hoxe”, concluíu.
Programa
Todo o sucedido neste século de historia será recollido nunha obra titulada 100 anos de estudos de química na USC, que será publicada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. Diferentes exposicións, actividades para alumnado de educación secundaria e bacharelato, ou a celebración da Olimpíada Nacional de Química, ademais da Olimpíada Galega de Química, son algunhas das iniciativas que esta Facultade da USC impulsa para os vindeiros meses. Celebrarase tamén neste centro, o Encontro Galego-Portugués de Química, desenvolverase unha celebración especial na Semana da Ciencia no mes de novembro, e daráselle pulo a un concurso de pósters para alumnado de Mestrado e Doutoramento, entre outras actividades.