Ir o contido principal

Quince universidades de China, Rusia, Xeorxia e Kazajistán coñecen iniciativas de emprendemento e transferencia de coñecemento no Campus Terra da USC

Recepción da delegación internacional na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Recepción da delegación internacional na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
A presenza desta delegación internacional enmárcase nun proxecto Erasmus+ co que a USC busca establecer ligazóns científicas e comercias entre universidades e empresas

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, ofreceu este mércores unha recepción institucional na Vicerreitoría de Coordinación da sede universitaria luguesa á delegación de máis de 30 representantes dunha quincena de universidades de China, Rusia Xeorxia e Kazajistán, que están a coñecer iniciativas de emprendemento e de transferencia de coñecemento promovidas ou nas que participa a USC.

A visita desta delegación universitaria internacional ao Campus Terra da USC serve de colofón do programa organizado polo Servizo de Relacións Exteriores e a Área de Valorización e Transferencia da USC, orientado a ampliar a capacitación sobre boas prácticas europeas na constitución de spin-offs que botou a andar o luns 27 no Edificio Emprendia de Santiago de Compostela. Esta actividade formativa está financiada ao abeiro do programa Erasmus+ e enmárcase dentro do proxecto UNISON, coordinado pola USC, e a través do que se pretende avanzar cara a o establecemento de vínculos científicos e comerciais entre institucións de ensino superior e o eido empresarial a través de spin-off.

O vicerreitor Andrés Barreiro aproveitou a visita a Lugo desta delegación univerisitaria para facerlles unha presentación do proxecto Campus Terra da USC, un programa transversal de especialización, que afecta tanto á súa oferta de docencia como ao labor de I+D+i, encamiñado á valorización sustentable dos valores, produtos e servizos ligados coa terra. Logo deste acto institucional de benvida, no que, entre outros tamén participaron o xestor de Internacionalización do Campus Terra, Pedro Fiz Rocha, e Patricia González Alonso, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, os representantes das quince universidades estranxeiras participantes neste programa, tiveron a ocasión de visitar as instalacións da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) e da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta), cuxas sedes están radicadas na sede universitaria luguesa. Xa en quenda de tarde, a comitiva universitaria internacional desprazouse ata Outeiro de Rei para visitar as instalacións da spin-off Innolact.

Do mesmo xeito que nas xornadas anteriores, a presenza deste delegación internacional en Lugo posibilitou transmitir a experiencia da USC no eido do emprendemento e da transferencia de coñecemento e este eido. Así, diversos técnicos e responsables da USC abordaron a longo destas visitas a centros singulares universitarios, tales como o CIMUS, CITIUS ou spin-off en fase de incubación (HGBeyond, Dart e Situm) e doutras mesas de traballo en cuestións ligadas aos mecanismos implicados no desenvolvemento de spin-off universitarias, boas prácticas para a transferencia e comercialización do coñecemento e a tecnoloxía, ao tempo que tamén se trataron nocións de propiedade intelectual e creación de empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2017.