Ir o contido principal

A quinta edición do Almorzo Solidario celebrarase a vindeira semana

A recadación destinarase á escola Camilo José Cela do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)

Resta unha semana para a celebración da quinta edición do Almorzo Solidario, unha iniciativa da asociación Estudantes Sen Fronteiras para recadar fondos que destinará á escola Camilo José Cela do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). O martes 16 de abril a partir das 9.30 horas, as persoas que se acheguen ao Aulario Novoa Santos do CHUS ou á Facultade de Medicina poderán sumarse a esta causa coa consumición dun café acompañado de biscoito caseiro. O Almorzo Solidario conta coa colaboración das cafeterías do Complexo Hospitalario e da facultade compostelá así como de diversas panaderías e supermercados da cidade. Estudantes Sen Fronteiras agarda superar nesta ocasión o rexistro da pasada edición, cuxa recadación (2.695 euros) serviu para comprar xoguetes novos para a planta de Pediatría do CHUS. Estudantes Sen Fronteias é unha asociación integrada por estudantes de Medicina da USC constituída en 2008 como unha plataforma formativa estudantil que permitise o desenvolvemento de proxectos no ámbito da medicina humanitaria e de cooperación, tanto no plano local como internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2013.