Quinta edición das Leccións Xacobeas Internacionais na USC
O profesor de Historia da Arte da USC Miguel Taín Guzmán dirixe entre os días 26 a 29 de xullo as ‘ V Leccións Xacobeas Internacionais na USC. Diáspora xacobea’, un curso enmarcado na Universidade de Verán da USC. As tres primeiras xornadas desenvolveranse no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, cada unha delas tratando monograficamente un tema. Os relatorios serán impartidos por especialistas de institucións europeas relacionadas co xacobeo. O día 26 dedicarase ao estudo da difusión xacobea, en especial a peregrinación, a catedral e a festa do Apóstolo, mentres que a xornada do 27 tratará sobre os códices e manuscritos composteláns. A diáspora xacobea será a temática da terceira sesión do curso, que rematará o día 29 cunha ruta a pé polo tramo entre Lira e Cabo de Fisterra guiada por socios da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS). Ademais das leccións propiamente académicas, o programa contempla unha serie de actividades de índole cultural como visitas guiadas ao patrimonio xacobeo de Santiago, aos Museos da Catedral, das Peregrinacións e de Santiago e outra coa explicación das restauracións do Coro Lígneo da Catedral de Santiago e os retablos da Capela de Ánimas por parte dos seus autores. Tamén está prevista a proxección de dúas películas relacionadas coa temática do curso.