Ir o contido principal

Quintana Martelo entrega á USC o retrato de Rodríguez Cadarso para a súa Galería de Reitores

Este xoves 27, ás 11:00 horas no Colexio de San Xerome, colocarase o cadro do ex reitor compostelán

A USC conmemora este curso 2008-2009 o ano Rodríguez Cadarso, en recoñecemento ao que fora reitor da institución na década dos anos 30. Con tal fin, encargóuselle ao artista Quintana Martelo un cadro do que fora responsable da Universidade compostelá entre 1930 e 1933 e que pasará a formar parte da súa Galería de Reitores.
Este retrato será colocado este xoves, día 27, no lugar que lle corresponde no Colexio de San Xerome, sede da Reitoría, nun acto no que, ás 11:00 horas, participarán o reitor Senén Barro, o vicerreitor de Cutlura, Elias Torres, e o propio Quintana Martelo.
Rodríguez CadarsoAlejandro Rodríguez Cadarso (1887-1933), impulsor do desenvolvemento do campus sur compostelán e da residencia de estudantes, foi catedrático de Anatomía na Universidade compostelá, tarefa que compaxinou co seu labor como deputado pola Organización Republicana Galega Autónoma durante a República, etapa na que se caracterizou polo seu apoio á autonomía de Galicia.
Vicerreitor da USC dende novembro de 1929 e reitor dende marzo de 1930, como responsable da institución pretendeu ligar a Universidade coa cultura e coa sociedade galega en xeral, favorecendo a súa modernización. Ademais do desenvolvemento do Campus Sur, durante o seu mandato fundáronse o Instituto de Estudos Portugueses e o Instituto de Estudos Rexionais, exemplos da súa vontade de intensificar as relacións con Portugal e de potenciar a entrada dos estudos sobre Galicia na Universidade, en colaboración con profesores e estudantes galeguistas e o Seminario de Estudos Galegos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2008.