A RAGC inaugurará no Colexio de Fonseca unha exposición itinerante sobre os maiores fitos da historia da química aplicada
A exposición ‘Química para un mundo mellor’ abrirá as súas portas este xoves 3 no claustro baixo do Colexio de Fonseca, onde será inaugurada ás 13.00 horas nun acto no que está prevista a participación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o vicerreitor de Planificación e Proxección Exterior, Gumersindo Feijoo; o presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez; e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan M. Lema Rodicio.
A exposición componse de vinte paneis nos que se exploran os principais fitos da química aplicada. Cada un deles está dedicado a un sector de actividade no que se destacan os principais esforzos científicos realizados ao longo da historia para lograr novas solucións en sectores tan relevantes como a alimentación, a saúde, o medio ambiente ou os materiais. En cada un resérvase tamén un espazo para reseñar os fitos especificamente rexistrados en Galicia en relación a ese ámbito.
A elección da temática da exposición débese á conmemoración neste 2019 do 150 aniversario da creación da táboa periódica e da homenaxe que a RAGC rende ao químico Tomás Batuecas como protagonista do Día da Ciencia en Galicia.