Ir o contido principal

A RAGC nomea o economista Manuel Colmeiro ‘Científico Galego do Ano’

Busto do profesor Colmeiro na Escola Galega da Administración Pública. FOTO: RAGC
Busto do profesor Colmeiro na Escola Galega da Administración Pública. FOTO: RAGC
A academia destaca do que fora profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC a súa condición de “forza de cambio económico e social en Galicia e España”
Santiago de Compostela

O que fora profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC, Manuel Colmeiro y Penido, acaba de ser elixido ‘Científico Galego do Ano’ pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), converténdose no primeiro científico social que recibe esta distinción por parte da Academia. A institución destaca que “non só foi un académico sobresaínte, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores. Foi tamén unha forza de cambio económico e social en Galicia e España”. Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 4 de outubro no marco do ‘Día da Ciencia en Galicia’, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade.

Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse en Dereito e doutorouse en Leis na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC dende 1840. Con tan só 29 anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e Administrativo na Universidade Central de Madrid, onde ocupou a súa cátedra ata 1881.

Dende a RAGC destacan que “tras case dous séculos, boa parte das análises de Colmeiro  seguen a ser útiles para a comprensión da época na que viviu e, en moitos casos, as súas observacións e razoamentos conservan toda a súa validez. O estilo da súa aproximación á problemática económica é sorprendentemente moderno e equilibrado, inspirado por unha positiva conciencia social”.

Retrato do profesor Colmeiro realizado por Manuel Mampaso
Retrato do profesor Colmeiro realizado por Manuel Mampaso

Sistema foral

A finais de 1842 foi nomeado socio de mérito da Real Sociedade Económica de Santiago, desde onde formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia.

En 1843, aos 24 anos, publica Memoria sobre el modo más acertado de remediar los males inherentes a la extremada subdivisión de la propiedad territorial de Galicia, na que aborda dous temas fundamentais sobre a propiedade agraria, o minifundio e o sistema foral. Consciente de que a desamortización de Mendizábal de 1836 non daba unha resposta para a modernización do agro galego, foi o primeiro economista en albiscar a vía que debería seguirse, avogando pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico. Non é ata 30 anos máis tarde que se publica a primeira lei de redención de foros e terían que pasar outros 50 ata que o sistema foral quedara definitivamente abolido en Galicia.

A procura do benestar

Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia, tal e como apunta a RAGC. No ámbito da Economía, a súa primeira gran obra foi o Tratado elemental de economía política ecléctica (1845), que lle achegou unha excelente reputación nos círculos que discutían sobre a natureza e remedio dos males do país. Esta publicación supón unha aberta defensa do eclecticismo, entendido como un distanciamento crítico tanto co materialismo da vella economía política, como coas novas correntes socialistas e reformadoras.

Ao longo da década de 1850-1860 achegouse aos postulados da Escola Economista española e emprende unha orientación liberal, que mantería ao longo da súa vida. O seu novo enfoque dos problemas económicos levouno a publicar a súa obra máis sólida, Principios de Economía Política. Nela defendeu a conveniencia de amosarse prudente e gradualista na aplicación dos criterios xerais á política económica, tanto en asuntos monetarios como arancelarios.

Colmeiro anhelaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “hacer el bienestar tan general como fuere posible”. Así, entre outros aspectos, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, así como o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”.

Destacado activista social

Amosou unha gran dedicación respecto dos asuntos económicos. A súa presenza nas institucións, academias e círculos que integraban a vida cultural e política española foi considerable, brindándolle múltiples oportunidades de analizar e debater propostas de reformas para encarar os profundos cambios económicos e sociais derivados da crise do Antigo Réxime, a construción dunha nova economía e a necesidade de situar España ante a industrialización europea.

Foi membro fundador e copresidente da Sociedade Libre de Economía Política, membro da xunta directiva da Asociación para a Reforma dos Aranceis de Aduanas, relator do Real Consello de Instrución Pública, presidente da Xunta Consultora do Instituto Xeográfico e Estatístico, vogal da Xunta de Reforma do Código de Comercio, deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra (varias lexislaturas dende 1865), conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo.

Distincións e recoñecementos

Foi socio numerario da Real Academia de Historia, socio fundador da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. No ámbito internacional, foi membro da Real Academia de Ciencias e Belas Artes de Bélxica, da Real Academia dos Linces de Roma, do Instituto Imperial de Francia e do Instituto de Xenebra. Ademais, foi profesor honorario das Universidades de Cracovia e de Charcov.

Entre as súas distincións, foi condecorado como Comendador ordinario da Real Orde de Carlos III, Cabaleiro Gran Cruz da Orde Civil de María Vitoria e Gran Cruz da Real Orde de Isabel a Católica. En 1992 a Xunta de Galicia creou o Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación sobre a Administración pública.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2023.