Ramón Grossfoguel fala este martes na USC da necesidade de descolonizar a comunicación
O profesor da Universidade de Berkeley (California) e sociólogo especialista en estudos poscoloniais Ramón Grossfoguel visitará este martes 12 a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, convidado polo proxecto de investigación ‘Cidanía e Comunicación’ (CIDEC). O sociólogo portorriqueño afincado nos Estados Unidos falará ás 17.00 horas na Aula 0 do centro da necesidade de ‘Descolonizar a comunicación’, isto é, repensala en claves non eurocéntricas, tendo en conta o sur global do planeta e as minorías culturais que o habitan. Membro do departamento de estudos étnicos da Universidade de Berkeley, Grossfoguel é especialista en estudos sobre o colectivo chicano nos Estados Unidos e outras minorías. Foi un dos principais impulsores do grupo Modernidade/Colonialidade da década dos 90, que aglutinou os principais estudosos da órbita latinamericana (Walter Mignolo ou Enrique Dussel, entre eles) e renovou os esquemas de análise sobre a realidade dos suxeitos minorizados a nivel global. Nesta ocasión abordará a necesidade de mudar os paradigmas de análise e de práctica comunicativos á luz dunha epistemoloxía non eurocéntrica. A visita do profesor Grossfoguel enmárcase no proxecto CIDEC, no que participan cinco grupos de investigación das tres universidades galegas co apoio da Secretaría Xeral de Universidades, e que xira en torno á maneira na que os grupos sociais máis vulnerables son representados nos medios de comunicación. Para iso, conta coa participación dunha vintena de organizacións sociais que contribúen a elaborar unha diagnose do tratamento que os medios de comunicación realizan destes grupos sociais e propor accións para mellorar esa situación.