Ir o contido principal

Ramón Villares inaugura no Paraninfo o ciclo de conferencias en homenaxe ao profesor Juan José Moralejo

Organízano a USC e a Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago

A USC e a Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago (RSEAPS) organizan este mes de outubro e o próximo o ciclo de conferencias ‘Á sombra de Minerva’, unha homenaxe ao catedrático de Lingua e Literatura Gregas da USC Juan José Moralejo Álvarez finado o pasado mes de maio. O ciclo comezará este mércores 10 con Ramón Villares Paz, que falará da Real Sociedade Económica de Santiago na Galicia do século XIX. Todas as conferencias, con entrada libre, celebraranse no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia) ás 20:00 horas. Unha semana máis tarde intervirá José Manuel García Iglesias coa conferencia ‘Desde o Paraninfo compostelán. A Universidade e a Real Sociedade Económica de Amigos do País’. Xa o 24 de outubro o profesor José Manuel López Vázquez disertará sobre ‘José María Fenollera, un pintor e un mestre para a Compostela de entre séculos’. Para o mes de novembro están previstas dúas conferencias. O día 7 será a quenda de Enrique Fernández Castiñeiras con ‘Juan José Cancela del Río. Os inicios dunha escola compostelá de pintura no século XIX’ e o 14 o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Manuel Monterroso Montero, intervirá con ‘Tradición e modernidade. A emblemática como soporte da memoria e o progreso nas RSEAP. Juan José Moralejo O profesor Moralejo iniciara unha frutífera traxectoria na Universidade compostelá no ano 1971 logo de doutorarse en Filoloxía Clásica na Universidade Complutense ese mesmo ano. En setembro de 2011 a USC organizáralle unha homenaxe co gallo do seu 70 aniversario “polo seu longo e brillante traxecto universitario e por un perfil humano e persoal que o fan acredor da maior estima, recoñecemento e gratitude”, como se sinala no volume Άντίδωρν editado para o ocasión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2012.