O Ránking de Shanghai por materias destaca a USC en trece eidos temáticos
O Ránking de Shanghai por materias destaca a USC nun total de trece eidos temáticos que abranguen as cinco áreas de coñecemento. A clasificación está integrada por un total de 1.900 institucións académicas de entre as 5.000 analizadas procedentes de máis dun cento de países e rexións de todo o mundo. A listaxe aborda un total de 55 materias.
Así, no ámbito de Ciencias Naturais, a Universidade de Santiago de Santiago de Compostela destaca en Matemáticas (chanzo 301-400), Física (intervalo 201-300) e Química (301-400). En Enxeñaría, o Ránking de Shanghai salienta a USC en Enxeñaría e Ciencias Medioambientais (301-400), Biotecnoloxía (301-400) e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía (151-200).
Bioloxía (401-500), Veterinaria (101-150) e Ciencias Agrícolas (201-300) son as materias destacadas da USC no ámbito de Ciencias da Vida; mentres que Odontoloxía (101-150) e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas (151-200) salientan en Ciencias Médicas. Finalmente, en Ciencias Sociais a USC sobresae en Ciencias Políticas (201-300) e Psicoloxía (401-500).
A clasificación elabórase en base a diversos indicadores entre os que se inclúe a transferencia de resultados de investigación, a calidade e o influxo da investigación realizada, así como as colaboracións internacionais e os premios académicos tamén de dimensión internacional. Este último indicador indéxase en base a unha sondaxe de excelencia académica que se realiza dende o ano 2017. Ata abril de 2023, participaron na sondaxe 1.447 docentes de 122 universidades pertencentes a 21 países ou rexións.
Posición global
A clasificación elaborada en 2023 polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como Ránking de Shanghai, xa colocou a Universidade de Santiago de Compostela, na súa clasificación global de universidades publicada en agosto, no intervalo 601-700 das mellores institucións académicas a nivel mundial e no chanzo 15-21 das institucións estatais.
Esta clasificación avalía máis de 2.500 universidades segundo diferentes indicadores de rendemento no eido da investigación, tales como o recoñecemento acadado polo persoal investigador e o estudantado egresado nos Premios Nobel e as Medallas Field ou as publicacións recollidas en revistas como Nature ou Science. Tamén considera o persoal investigador altamente citado na base de datos de Clarivate, os artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e no Social Science Citation Index, e o rendemento per cápita das universidades en función da dimensión do seu persoal académico.