Ir o contido principal

O Ránking Times Higher Education 2024 destaca a USC en once materias

A docencia é un dos eidos avaliados polo ránking. FOTO: Santi Alvite
A docencia é un dos eidos avaliados polo ránking. FOTO: Santi Alvite
Esta clasificación situou tamén a institución compostelá no posto 601-800 do mundo de entre máis de 2.600 institucións académicas que integran a súa clasificación global de universidades
Lugo, Santiago de Compostela

A USC destaca nun total de once materias segundo o THE World University Rankings by Subject 2024. A clasificación elaborada por Times Higher Education salienta a Universidade de Santiago de Compostela en Artes e Humanidades (chanzo 301–400), Ciencias Empresariais e Económicas (posición 501–600),  Ciencias da Saúde (501–600), Ciencias da Computación (601–800),  Educación (401–500), Enxeñaría  (601–800), Dereito (201–250),  Ciencias da Vida (601–800), Física (501–600), Psicoloxía (401–500) e Ciencias Sociais (601–800), tal e como sucedeu o ano pasado. A clasificación avalía a docencia no relativo á contorna de aprendizaxe, a contorna investigadora, a calidade da investigación, a proxección internacional e os procesos de transferencia.

Ademais, a USC sitúase no chanzo 601-800 logo do estudo de 2.673 universidades de 127 países, segundo o ránking global de universidades que elabora THE na súa edición correspondente a 2024 e que se publicou o pasado mes de setembro. A devandita clasificación subliñaba a cooperación co tecido industrial no relativo á captación de fondos para transferencia e as patentes, como o eido mellor valorado da USC. A clasificación tamén destaca a calidade investigadora da Universidade, así como a súa proxección internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2023.