O ránking Times Higher Education destaca o vínculo da USC co tecido industrial para o fomento da transferencia

A cooperación co tecido industrial no relativo á captación de fondos para transferencia, así como ás patentes, é o eido mellor valorado da USC de entre as cinco áreas que avalía o ránking de universidades que elabora Times Higher Education (THE) na súa edición correspondente a 2024. A clasificación tamén destaca a calidade investigadora da Universidade, así como a súa proxección internacional. A USC sitúase no chanzo 601-800 logo do estudo de 2.673 universidades de 127 países.
A clasificación está elaborada en base a dezaoito indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (29,5% da valoración final), contorna investigadora (29%), calidade da investigación (30%), industria (4%) e proxección internacional (7,5%).
Para a obtención das cualificacións, THE realiza unha sondaxe de reputación académica con medio millón de respostas e analizou 134 millóns de citas procedentes de 16,5 millóns de artigos, recensións, comunicacións, libros e capítulos de libro. Os datos inclúen máis de 27.950 xornais con proceso de revisión por pares. Todas as publicacións estiveron indexadas entre os anos 2018 e 2022. As citas a estas publicacións analizadas abranguen o período 2018-2023. A clasificación tamén toma en consideración a proporción de estudantado e persoal internacional de cada institución, así como as colaboracións internacionais.