A raza Galiña de Mos ofrece produtos de máis calidade, pero en menos cantidade que as estirpes avícolas industriais
A raza Galiña de Mos ofrece produtos de maior calidade nutritiva e organoléptica fronte ás estirpes industriais, aínda que de menores crecementos, segundo conclúe o veterinario lugués Diego Rois Losada na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo baixo o título ‘Caracterización da raza Galiña de Mos’.
“A raza Galiña de Mós supón un cambio de cantidade por calidade”, sinala Diego Rois na súa investigación de doutoramento, un traballo desenvolvido baixo a dirección dos profesores da área de Cirurxía e Medicina Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC José Luis Benedito Castellote e Marta López Alonso. Rois Losada, que na actualidade traballa como veterinario na Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), acomete na súa investigación de doutoramento unha caracterización da raza Galiña de Mos. De feito, na tese analízase a orixe histórica desta raza avícola autóctona de Galicia, a súa morfoloxía e xenética, a estrutura da súa poboación, a caracterización produtiva dos exemplares e produtos máis comerciais da raza: galo, capón, pularda, galiña e ovos, ademais de facer unha serie de recomendacións para unha xestión eficiente. A Galiña de Mos ten referencias escritas desde o ano 1936, tras ser seleccionada a partir de exemplares da zona da Terra Chá, na provincia de Lugo, aínda que existían exemplares por todo o interior de Galicia. A súa orixe xenética é moi anterior. Aínda así, despois de décadas nas que esta raza avícola se empregaba en produtos de calidade, a chegada da avicultura industrial provocou o abandono progresivo da súa cría ata deixala a piques da súa extinción. A de Mos é a raza de galiñas maior de España no que atinxe á súa poboación e ao número de exemplares, segundo indica Rois Losada, quen atribúe este feito ás medidas de conservación instauradas, así como á oferta duns produtos diversos e diferenciados fronte aos procedentes da avicultura industrial. Este investigador subliña asemade que a Galiña de Mos é a raza avícola ideal para un tipo de produción mixta carne-ovos en sistemas de crianza artesanal e ao aire libre. Respecto das características e calidades dos diferentes produtos que se comercializa, os resultados das pescudas desenvolvidas por Rois Losada indican que o ovo da raza Galiña de Mos ten unhas calidades nutritivas diferenzas, comparado cos de aves industriais, con gran cantidade de aminoácidos esenciais, con elevadas proporcións de xema e menor humidade que as estirpes industriais. A produción cárnica destacou nos catro produtos analizados: galo, capón, pularda e galiña, en comparación coas estirpes industriais, por ser de elevado rendemento en partes nobres, cunha carne fina e cun sabor máis intenso. A pel mostra unha cor amarela uniforme sendo moi fina, con pouca graxa subcutánea. As carnes da raza Galiña de Mos son moi nutritivas, zumarentas, tenras, pouco fibrosas, cunha cor máis intensa e boa intensidade de olor, salienta este investigador, quen precisa que se trata de carnes con pouca graxa, que ademais é de alta calidade e moi saudable, dado que presentan unha alta proporción de ácidos graxos poliinsaturados, de omega 6 e de omega 3. Tribunal de tese e cualificación O profesor da área de Medicina e Cirurxía Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC Pedro García Herradón presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento realizada por Diego Rois Losada e que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude. O director xerente do Centro Tecnolóxico da Carne, Miguel Fernández Rodríguez; os investigadores doutores Daniel José Franco Ruiz e Juan Manuel Caínzos Cagiao, e o profesor da USC Antonio Iglesias Becerra, quen exerceu as funcións de secretaría, completan a composición do tribunal.