A Real Academia de Doutores recoñece unha tese da USC sobre a actividade en redes científicas dos investigadores españois
A presenza e nivel de actividade en redes científicas dos investigadores españois que publican en revistas de comunicación indexadas na base de datos de referencias bibliográficas e citas Scopus, é o obxecto de análise da doutoranda da USC Sara Mandiá na súa tese. Este estudo que acaba de ser recoñecido co premio Fundación Ignacio Larramendi e que se enmarca na edición 2020 dos Premios á Investigación que concede a Real Academia de Doutores de España, aborda os perfís en redes sociais e o seu posible impacto nos índices de citación.
Mandiá analiza o acceso aberto ao coñecemento, a ponderación dos méritos e as novas plataformas dixitais para a xestión de perfís do persoal investigador nas redes sociais científicas. Ademais, a mostra que emprega na súa tese abrangue un total de 2.257 investigadores e investigadoras, das que se estudou o seu comportamento nas redes. A tese “demostra que o acceso aberto á información, e Internet particularmente, é unha vía de aproximación á información científica tan importante como os materiais físicos. A COVID-19 operou como acelerador desta tendencia”, conclúe a investigadora. O galardón está dotado con 1.000 euros.